Nova: Preto de 60.000 euros foron empregados na mellora das instalacións culturais de concellos ourensáns

16/03/2018
Preto de 60.000 euros foron empregados na mellora das instalacións culturais de concellos ourensáns
A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo na biblioteca pública de Maceda coa finalidade de mellorar a súa dotación informática e a súa iluminación
Na provincia de Ourense en 2017 beneficiáronse 8 concellos e a Mancomunidade Terra de Celanova
Maceda (Ourense), 16 de marzo de 2018.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde da localidade, Rubén Quintas, visitou esta maña as actuacións levadas a cabo na biblioteca pública do concello ao abeiro das axudas da Consellería de Educación e Cultura para o equipamento e mellora dos locais das corporacións locais utilizados para a realización de actividades culturais.
O custe total das obras executadas en Maceda ascendeu a 16.000 euros que foron asumidos ao 50 por cento por Xunta e concello. Consistiron en mellorar o acceso ás novas tecnoloxías do local, incorporando varios equipos informáticos, e as instalacións do local coa substitución de luminarias que permite un aforro enerxético e a dotación dun sistema de protección contra incendios.
Marisol Díaz indicou que esta colaboración institucional permite garantir unhas infraestruturas de carácter sociocultural en condicións óptimas ao servizo da cidadanía e, de forma xeral, asegurar o acceso á cultura en igualdade de condicións de todos os galegos e que estas actuacións respondan ás demandas sociais da poboación.
Na provincia de Ourense na convocatoria pasada beneficiáronse 8 concellos e unha mancomunidade por un importe de preto de 60.000 euros. Os beneficiarios en 2017 foron: O Carballiño, Maceda, Muíños, Lobeira, Vilamarín, Vilar de Barrio, A Veiga, Verín e a Mancomunidade Terra de Celanova. Entre as actuacións apoiadas por estas subvencións da Xunta figuran desde iniciativas de mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas a acondicionamento acústico dos locais ou financiamento de equipos de iluminación e son. Na actualidade se están a tramitar as solicitudes correspondentes á convocatoria deste ano.