Nova: Inaugurada Manuel Colmeiro. A pintura, antes de pintar, unha retrospectiva do artista galego

15/03/2018

Inaugurada Manuel Colmeiro. A pintura, antes de pintar, unha retrospectiva do artista galego

Román Rodríguez destaca a universalidade e o apego a Galicia da obra de Colmeiro

O conselleiro de Cultura e Educación participou na inauguración da retrospectiva que o Museo Ramón Mª Aller Ulloa dedica ao pintor silledense

  • Desnudo de muller, de Manuel Colmeiro | Imaxe: www.manuelcolmeiro.com Desnudo de muller, de Manuel Colmeiro | Imaxe: www.manuelcolmeiro.com

Lalín (Pontevedra), 15 de marzo de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na inauguración da mostra Manuel Colmeiro. A pintura, antes de pintar, unha retrospectiva do pintor silledense que busca afondar no coñecemento de todas as facetas da súa obra. Na súa intervención, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia –que apoia a edición do catálogo da exposición–, salientou a universalidade de Colmeiro, que expuxo en París, Londres ou Broadway, e cuxos murais poden ser contemplados polas máis de 900.000 persoas que visitan a semana as Galerías Pacífico, en Buenos Aires. "Colmeiro é un claro prototipo de que a pegada artística de Deza está patente no universo plástico universal", dixo.

Román Rodríguez fixo fincapé ademais na estreita relación entre o pintor, que concibía a arte como “unha relación profunda do home coa vida” e Galicia. Neste sentido explicou que Colmeiro dignificou o pobo coas súas pinturas, centrando as súas personaxes, paisaxes e obxectos na procura da esencia do país. “A súa obra é unha obra de amor a Galicia, aos homes e mulleres galegas de todos os tempos”, concluíu.

O conselleiro lembrou, así mesmo, que Colmeiro está considerado como un dos grandes protagonistas da modernidade e da vangarda na plástica galega, xunto con Carlos Maside, Arturo Souto ou Luís Seoane.

Manuel Colmeiro. A pintura, antes de pintar reúne 40 obras da ampla traxectoria de Manuel Colmeiro Guimarás (Chapa, Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999), baixo o comisariado de David Barro e coa colaboración de Elena Colmeiro e Alba Corral Colmeiro, filla e neta do artista, respectivamente. A mostra poderá visitarse no Museo Ramón Mª Aller Ulloa ata o vindeiro 16 de maio.

Comparte