Nova: Cultura investirá 43.000 euros nos labores de conservación do Castelo de Santa Cruz, na Guarda

12/03/2018

Cultura investirá 43.000 euros nos labores de conservación do Castelo de Santa Cruz, na Guarda

O conselleiro, Román Rodríguez, e mailo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, asinaron un convenio que atinxe ao centro de interpretación das fortalezas transfronteirizas do baixo Miño

  • Foto Turismo.gal
  • O conselleiro, Román Rodríguez, e mailo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, asinaron un convenio que atinxe ao centro de interpretación das fortalezas transfronteirizas do baixo Miño O conselleiro, Román Rodríguez, e mailo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, asinaron un convenio que atinxe ao centro de interpretación das fortalezas transfronteirizas do baixo Miño
  • O conselleiro, Román Rodríguez, e mailo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, asinaron un convenio que atinxe ao centro de interpretación das fortalezas transfronteirizas do baixo Miño O conselleiro, Román Rodríguez, e mailo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, asinaron un convenio que atinxe ao centro de interpretación das fortalezas transfronteirizas do baixo Miño

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mailo Concello da Guarda (Pontevedra) van colaborar en accións para a conservación do Castelo de Santa Cruz, tal como se establece nun convenio de colaboración asinado hoxe entre o conselleiro, Román Rodríguez, e o alcalde da localidade, Antonio Lomba.

O acordo recolle especificamente a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das obras de revocaduras da fachada do centro de interpretación das fortalezas transfronteirizas do baixo Miño no castelo de Santa Cruz. Deste xeito, o Concello de A Guarda comprométese a autorizar a plena e libre dispoñibilidade dos terreos e inmobles necesarios a favor da Consellería para que esta, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, poida desenvolver os traballos correspondentes, que suporán un investimento de 42.900 euros.

Esta intervención -incluída no Plan estratéxico para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia- afectará á fachada da edificación principal do castelo e ten por obxecto frear o seu deterioro. Isto é, garantir a mellora das prestacións térmicas e de impermeabilización do conxunto e, sobre todo, na fachada sur da edificación que é a que está climatoloxicamente máis exposta. Para tal fin, levaranse a cabo actuacións de limpeza e cepillado dos paramentos e xuntas, retacado e rexuntado e aplicación de revocadura de cal.

O castelo de Santa Cruz está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de Monumento. Trátase dunha estrutura defensiva transfronteiriza que se inscribe dentro do grupo de fortíns, atalaias e fachos ou alcanforas que se erixiron nos séculos XVII e XVIII ao longo das marxes do río Miño. A edificación principal está situada no interior do castelo, destinada a espazo multiusos e centro de interpretación.