Nova: Cantos á natureza ilustra e musica os derradeiros poemas de Xosé Neira Vilas

10/03/2018

Cantos á natureza ilustra e musica os derradeiros poemas de Xosé Neira Vilas

O tenor Cesáreo Torres coordina o libro CD, presentado hoxe en Vila de Cruces, no que participaron Susana de Lorenzo, Alejo Amoedo, Pablo Barreiro, Juan Durán, Margarita Viso, Paulino Pereiro, Javier Comesaña, María Mendoza, Luis Reimóndez e Irene Silva

  • Fotografía vía Wikipedia Fotografía vía Wikipedia

Vila de Cruces (Pontevedra), 10 de marzo de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na presentación do libro CD Cantos á natureza, un traballo que recolle dez dos derradeiros poemas de Xosé Neira Vilas, musicados e ilustrados por profesionais do máximo prestixio. Na súa intervención, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia sinalou as composicións desta obra como “un regalo para os oídos”; e explicou que os seus versos, que cantan ao microcosmos rural galego, están entre “os derradeiros que saíron do sentir e do escribir deste xornaleiro da palabra e traballador das letras, como a el lle gustaban definirse, que foi Xosé Neira Vilas”.

Neste sentido, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia salientou o orgullo que supón para Galicia ter a Neira como figura indiscutible e inmortal, e destacou o traballo que a fundación que leva o seu nome, e que este ano cumpre 25 anos, está a facer de difusión que fai a prol da cultura da comarca, así como espallándoa por toda a Comunidade a través das numerosas visitas que recibe.

Finalmente o conselleiro quixo agradecer a todas as persoas, institucións, autores e editores implicados no proxecto a elaboración deste libro CD Cantos á natureza, que contribúe a salvagardar uns versos “que xa constitúen un legado para as vindeiras xeracións de galegos”.

Os responsables de poñer música aos dez poemas que compoñen a obra foron Juan Durán, Margarita Viso, Paulino Pereiro, Javier Comesaña e María Mendoza; mentres que a interpretación dos mesmos correu a cargo do tenor Cesáreo Torres -coordinador do libro CD- e da soprano Susana de Lorenzo, acompañado polo pianista Alejo Amoedi. O disco gravouse no Auditorio de Galicia, con Pablo Barreiro, e a responsable de ilustrar os versos foi Irene Silva Xiráldez. As fotografías incluídas foron cedidas por José Ramón Moire.

Na presentación do libro CD, publicado por Edicións Fervenza co apoio da Consellería, participaron, ademais dos responsables do mesmo, o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez; o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela; e mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Comparte