Nova: A nova edición de Ler Conta Moito ofrece un catálogo con preto de 300 propostas para fomentar a lectura nas bibliotecas

10/03/2018

A nova edición de Ler Conta Moito ofrece un catálogo con preto de 300 propostas para fomentar a lectura nas bibliotecas

Cultura convoca unha orde de subvencións de 195.000 euros dirixida aos concellos para a realización destas actividades nas bibliotecas municipais

As axudas pódense solicitar ata o día 6 de abril e o período de programación das actividades remata o 30 de outubro

 

  • O programa de dinamización da lectura Ler conta moito ofrece este ano 2018 un catálogo de 287 actividades O programa de dinamización da lectura Ler conta moito ofrece este ano 2018 un catálogo de 287 actividades

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2018.- O programa de dinamización da lectura Ler conta moito ofrece este ano 2018 un catálogo de 287 actividades entre as que as bibliotecas municipais da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia poderán escoller as accións que desexen desenvolver durante o ano. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar a orde de subvencións, dotada con 195.000 euros, que lles permitirá aos concellos solicitar axudas para a realización destas actividades. O prazo de solicitude está aberto ata o 6 de abril (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180306/AnuncioG0164-230218-0002_gl.html).

Unha vez que a axuda sexa concedida, as entidades beneficiarias dispoñerán dun prazo de 10 días para que as súas bibliotecas ou axencias de lectura públicas seleccionen as actividades de animación á lectura que van realizar polo importe concedido, no Catálogo Ler conta moito 2018, que a Secretaría Xeral de Cultura ten á súa disposición na páxina http://rbgalicia.xunta.gal. O período de programación de actividades remata o 30 de outubro de 2018.

As actividades son moi diversas, desde obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca, actividades de dinamización con música, ata teatro e danza, exposicións ou itinerarios guiados, entre outras. Cada acción pode estar, ademais, dirixida a públicos específicos, como bebés de 0 a 3, nenos e nenas, mocidade, adultos ou colectivos con necesidades especiais.

Ler conta moito

Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nos centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración cos concellos. A Secretaría Xeral de Cultura financia o 75% dos custos das actividades programadas. As entidades locais con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia que se adhiren a este programa cofinancian o 25% restante.

A Xunta de Galicia pretende con este programa animar á lectura, a través de accións atractivas vinculadas aos intereses de distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos das bibliotecas como punto de encontro.

 

Comparte