Nova: Cultura ofrécelles aos editores galegos un expositor nas feiras internacionais do libro de Frankfurt, Guadalaxara e Liber

05/03/2018
Cultura ofrécelles aos editores galegos un expositor nas feiras internacionais do libro de Frankfurt, Guadalaxara e Liber
Cultura e Educación porá o stand ao dispor de todos os axentes galegos do sector nestas tres citas, tanto para a realización de reunións comerciais como para a exhibición da produción editorial máis recente
Na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, a Consellería apoiará a proxección do libro galego cun catálogo de obras para os lectores máis novos
Co fin de potenciar a internacionalización do libro galego, a Secretaría Xeral de Cultura e a Asociación Galega de Editoras valoran novas vías de colaboración
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2018.- A Consellería de Cultura e Educación ofrécelles aos editores galegos un stand para participar este ano nas feiras internacionais do libro de Frankfurt, de Guadalaxara (México) e de Liber. Así llo comunicou hoxe a Secretaría Xeral de Cultura á Asociación Galega de Editoras (AGE) nunha carta na que o departamento da Consellería de Cultura e Educación amosou a súa satisfacción pola valoración positiva que a asemblea ordinaria desa entidade fixo das propostas da Xunta para a proxección exterior do sector editorial.
De acordo coa proposta do Goberno galego, o stand nestas tres feiras será aboado integramente con fondos públicos do orzamento da Secretaría Xeral de Cultura e destinarase tanto á realización de reunións de traballo como á difusión da creación literaria, da ilustración, da industria editorial galega e, en xeral, da cultura de Galicia. A atención do stand correrá a cargo dunha persoa da AGE e doutra da Secretaría Xeral de Cultura, auxiliadas por unha persoa da empresa contratada para a xestión en cada feira.
Porén, en relación ás propostas da AGE sobre o uso do stand, a Secretaría Xeral de Cultura confirma que este estará ao dispor “de todos os axentes do libro que o desexen”, non unicamente das asociacións gremiais. A este respecto, Cultura explica que, “como departamento da Administración pública autonómica, debe actuar conforme aos principios de servizo á cidadanía, de neutralidade e de salvagarda dos dereitos da cidadanía, que deben exercerse en condicións de igualdade sen producir diferenzas de trato”.
Novo modelo para os vindeiros anos
De cara á posta en marcha dun novo modelo de asistencia ás feiras internacionais do libro para os vindeiros anos, a Administración autonómica considera oportuna a proposta da AGE de articular a presenza galega nas feiras internacionais a través dun stand colectivo coa participación do gremio de editoras, da Xunta e das outras administracións que consideren de interese público a súa presenza nestas citas culturais. Para Anxo Lorenzo, “a participación económica nesta iniciativa debe ser equilibrada, igualitaria e adecuada para a consecución dos fins de cada unha das entidades participantes”, para o que lle propón á AGE “empezar a traballar conxuntamente todos os colectivos interesados, co obxecto de asegurarmos a presenza do novo stand nas feiras do ano 2019 e seguintes”.
Apoio ao libro galego na feira de Boloña
Ademais de participar cun stand propio nas feiras internacionais do libro de Frankfurt, de Guadalaxara (México) e de Liber, Cultura e Educación apoiará na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña deste ano a promoción da produción editorial galega a través do catálogo Galician Books for Children & Young Adults, en colaboración con Gálix. A publicación, en versión trilingüe (galego, inglés e castelán) estará dispoñible no encontro para dar a coñecer a produción galega máis recente dirixida ao público infantil e xuvenil. A AGE asistirá con fondos propios a esta feira, na que se prevé a presenza de 10 empresas galegas.
A estas catro citas hai que sumar a presenza de Galicia cun stand propio na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, onde a comunidade galega participa desde a súa primeira edición.