Nova: Preto de 300.000 usuarios visitaron a biblioteca Ánxel Casal de Santiago en 2017

02/03/2018

Preto de 300.000 usuarios visitaron a biblioteca Ánxel Casal de Santiago en 2017

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou nos actos de clausura da III Semana da Cultura Chinesa que tivo lugar nesta instalación

  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou nos actos de clausura O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou nos actos de clausura

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2018.- A biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago realizou o pasado ano 2017 un total de 167.333 préstamos, o que supuxo acadar un incremento de case un 8% con respecto ás cifras do ano anterior. Isto supón unha media de preto de 14.000 préstamos ao mes. O número de visitantes deste centro foi de 295.932 persoas, das que 39.451 teñen carné de socio.

Os libros máis demandados polos usuarios foron El laberinto de los espíritus de Carlos Ruiz Zafón, Patria de Fernando Aramburu e Todo esto te daré de Dolores Redondo. En galego, a escolma de artigos xornalísticos de Carlos Casares Á marxe foi o libro máis solicitado, seguido por A dúbida de María Reimóndez e De remate de Héctor Cajaraville. Ademais de libros, esta biblioteca tamén realiza préstamos de cómics, revistas, música, series de televisión e videoxogos.

A biblioteca pública Ánxel Casal tamén destacou en 2017 pola programación de 382 actividades temáticas nas que participaron un total de 7.066 persoas. As actividades incluíron cursos de formación, debates, clubs de lectura, contacontos, visitas escolares guiadas, días especiais como o da biblioteca ou o do libro e mesmo iniciativas de alfabetización dixital.

Estes datos foron destacados na visita á biblioteca que realizou na tarde de hoxe o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, para participar nos actos de clausura da III Semana da Cultura Chinesa, organizada pola Asociación Cultural Educativa Qu Yuan e que contou coa participación de estudantes universitarios chineses de intercambio na USC.

Neste marco, a biblioteca pública Ánxel Casal acolleu o obradoiro Farois chineses da boa sorte, no que os participantes construíron e decoraron os farois. O acto completouse cun pequeno concerto dun instrumento chinés e coa “liberación” dos farois no lago do Auditorio de Galicia para despedir as festas do ano novo do can.

Comparte