Nova: Dous referentes da banda deseñada e da animación, Alberto Vázquez e Manel Cráneo, en Nexos da Cidade da Cultura

24/02/2018

Dous referentes da banda deseñada e da animación, Alberto Vázquez e Manel Cráneo, en Nexos da Cidade da Cultura

O gañador de tres Premios Goya e o Premio Nacional de Cómic analizaron este sábado no Gaiás as claves da explosión creativa que viven ambas disciplinas

Os relatorios remataron cun divertido e enxeñoso Combate de Debuxantes con Dani Xove como mestre de cerimonias e houbo sesión de Nexos Infantil paralela

A vindeiro ‘Nexos’ será o 24 de marzo e indagará sobre o estado actual do patrimonio galego

 

  • O ciclo de cultura contemporánea Nexos contou este sábado na Cidade da Cultura con dous referentes da banda deseñada e da animación en Galicia, Alberto Vázquez e Manel Cráneo O ciclo de cultura contemporánea Nexos contou este sábado na Cidade da Cultura con dous referentes da banda deseñada e da animación en Galicia, Alberto Vázquez e Manel Cráneo

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2018.- O ciclo de cultura contemporánea Nexos contou este sábado na Cidade da Cultura con dous referentes da banda deseñada e da animación en Galicia, Alberto Vázquez e Manel Cráneo, que analizaron as claves da explosión creativa que están a vivir ambas disciplinas, nas que eles dous teñen un amplo recoñecemento con tres Premios Goya, o primeiro; e un Premio Nacional de Cómic, o segundo.

A primeira intervención correu a cargo de Alberto Vázquez, que conseguiu o recoñecemento da Academia Española do Cine coas súas tres animacións audiovisuais: Birdboy (2012), Decorado (2017) e Psiconautas, los niños olvidados (2017). Director de cine, ilustrador e debuxante de cómics, Alberto Vázquez (A Coruña, 1980) foi cofundador do selo editorial Polaqia e dirixiu o Fanzine Enfermo. Os seus libros foron editados en España, Francia, Italia, O Brasil e Corea. De igual xeito, as súas pezas de animación audiovisual foron exhibidas nos festivais de Cannes, EFA Awards, Toronto, Annecy, Clermond-Ferrand, Animafest Zagreb ou Slamdance, entre outros, ata ter no seu haber máis de cen premios internacionais.

Este tipo de profesionais con esta traxectoria vén a confirmar o feito de que a animación audiovisual estea a ser unha das disciplina artística na que Galicia máis teña despuntado en tempos recentes. Moitos dos autores galegos desenvolven carreiras de éxito en Os Estados Unidos, Francia e outros países, e a canteira semella garantida. Por iso, neste relatorio, abordouse, entre outras cuestións, cal será o xeito de consolidar unha industria que poida reter ese talento e xerar un foco de desenvolvemento cultural no país.

Neste aspecto, axudou a contar cunha visión máis ampla do sector o segundo relatorio da sesión con Manel Cráneo. Artista multidisciplinar é autor dos álbums Dámsmitt (Dibbuks, 2006), Os Lobos de Moeche (Demo Editorial, 2009), Cousas de Mortos (Demo Editorial, 2012), A Fraga Milmañas (Demo Editorial, 2013) e Destino Hërgüss (Demo Editorial, 2015). A súa obra foi exposta en España, Portugal, Francia e Cuba. Entre outras distincións, recibiu o Premio Nacional de Cómic sobre Vida e Obra de Federico García Lorca. Foi presidente da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) e vicepresidente da FADIP (Federación de Asociacións de Ilustradores Profesionais). Na actualidade é director da editora e produtora cultural Demo e creador da proxecto multidisciplinar Planeta Mincha.

Combate de debuxantes e Sesión Infantil

Este faladoiro dobre, no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, viuse complementado cun orixinal e divertido Combate de debuxantes. Inés Casarejos, Guille Debelius, Xulia Pisón e Luís Yang puxeron a proba a súa pericia ante os desafíos e trasnadas que lles propuxo Dani Xove, mestre de cerimonias e animador do combate.

En paralelo a isto, celebrouse a sesión Nexos Infantil correspondente. Neste obradoiro, a cativada realizou a súa propia banda deseñada e mesmo se atreveron a facer o seu particular Combate de debuxantes, mantendo o carácter de reto divertido e enxeñoso como manda o protocolo deste tipo de actividade.

O obxectivo de Nexos Infantil con estes obradoiros é que, á saída do ciclo, maiores e pequenos teñan reflexionado e aprendido sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder logo conversar de xeito interxeracional. Puxo punto e final a sesión de Nexos deste sábado o tradicional convite a viño e petiscos, cortesía de Bodegas Martín Códax e Pan do Mar, de Conservas Antonio Pérez Lafuente.

O estado actual do patrimonio galego, na vindeira sesión

O ciclo retomarase o 24 de marzo coa sesión Confín dos verdes castros... O patrimonio e a identidad de nós na que se indagará sobre o estado actual do patrimonio galego con Felipe Criado Boado, profesor de investigación do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), director do INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio) e presidente da Asociación Europea de Arqueólogos. A intervención artística correrá a cargo do humor irreverente de Carlos Meixide co monólogo cómico O fracaso do meu patrimonio.

As entradas, coa sesión de Nexos Infantil correspondente, están xa á venda tanto a través do Museo Centro Gaiás como en Ataquilla.com e na páxina da cidadedacultura.gal cóntase con máis información polo miúdo de todo o ciclo.

 

Comparte