Nova: O Museo de Belas Artes achégase á arquitectura contemporánea suíza

18/09/2014

O Museo de Belas Artes achégase á arquitectura contemporánea suíza

Unha mostra reúne pezas fotográficas procedentes de dúas exhibicións distintas e está disposta en catro apartados

Poderá visitarse dende o 18 deste mes ata o 26 de outubro e está organizada en colaboración coa Escola de Arquitectura da cidade e a Embaixada de Suíza en España
 

  • Paisaxe e sustentabilidade na arquitectura contemporánea suíza Paisaxe e sustentabilidade na arquitectura contemporánea suíza

A Coruña, 18 de setembro de 2014.- O Museo de Belas Artes da Coruña ofrece desde hoxe a mostra ‘Paisaxe e sustentabilidade na arquitectura contemporánea Suíza’, que reúne en catro apartados como se configura a arquitectura do país alpino contemporáneo e cal son as súas ofertas para o público. Esta selección de obras revela tendencias en torno ao coidado do ambiente natural ou á integración deste nos tecidos urbanos.

A exposición foi inaugurada polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universtaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado do embaixador de Suíza en España, Thomas Kolly; do delegado do goberno en Galicia, Samuel Juárez e do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Esta exposición itinerante aglutina pezas procedentes de dúas mostras que chegan por primeira vez a España. Por unha banda “Swiss Positions: 33 takes on sustainable approaches to building”, presenta a través de excelentes fotografías, unha visión complexa da cuestión do desenvolvemento sostible e, por outra, “The Swiss Touch in Landscape Arquitecture” que ofrece un percorrido pola tradición, a actualidade e o futuro da arquitectura da paisaxe no país helvético, campo de probas dalgunhas das máis interesantes investigación recentes.

Con esta exposición o Museo de Belas Artes continúa a aposta por manter na súa programación mostras dedicadas ás diversas tendencias da arquitectura, neste caso en colaboración coa Escola de Arquitectura da Coruña e a Embaixada de Suíza en España.

O titular de Cultura e Educación subliñou na súa intervención que “o obxectivo desta mostra non é outro que aproximarnos aos autores suízos e aos seus proxectos de especial interese, para tratar de xerar un pensamento crítico entre arquitectura e sustentabilidade”. Vázquez Abad rematou facendo un recoñecemento expreso á Embaixada de Suíza en España “por achegarnos a riqueza da súa arquitectura, a súa capacidade de innovación e beleza, como referente de país avanzado a nivel mundial”.

Composición da mostra
O primeiro bloque da mostra está baseado na contextualización “alpina” da arquitectura contemporánea Suíza, o que supón un tema de vital importancia para un país dotado dunha xeografía montañosa. A pesar de todos os problemas ambientais que xera o turismo alpino, e incluso a acumulación de chalets estandarizados sobre os outeiros, atopamos obras sublimes, como a capela de San Bieito, que deseñou en 1988 en Sumvitg Peter Zumthor. Sen dúbida, o máximo representante da nova arquitectura suíza. No seu país natal, o arquitecto concentrou a súa creatividade nesta capela que retoma os arquetipos construtivos locais e os converte nunha solución contemporánea que aumenta, sen destruír, a paisaxe cultural.

O segundo apartado está formado polas paisaxes rurais e suburbanas, onde se atopa a presenza sobresaínte da infraestrutura, na que neste país destaca o creador Robert Maillart, como un enxeñeiro visionario del século XX temperán, cuxas pontes xa son un patrimonio da historia. Seguindo nesta tradición atópanse obxectos sobresaíntes como o estadio Letzigrund en Zurich, deseño dos arquitectos Bétrix & Consolascio do ano 2007, pero tamén tarefas de pequena escala como a ponte peonil do pobo de Vals, que concibiron Conzett, Bronzini, Gartmann en 2009.

Na terceira sección, o suburbano, coinciden a construción de signos sobresaíntes como a escola que Bonnard & Woeffray proxectaron no ano 2009, e que outorga valor simbólico á educación das masas suburbanas; e a orientación cara os espazos interiores, en alta densidade, para gañar espazos libres nas aforas, como o concibiron Guidotti Architetti en 2010 na casa Forini, en Monte Carasso.

O final do percorrido atopamos o contexto urbano, en especial na capital financeira Zurich, pero tamén en Basilea, onde no 2005 o despacho de Diener & Diener realizou unha estrutura complexa e atractiva para o Forum do Campus da empresa Novartis, ou en Berna, onde o despacho :mlzd fixo no 2009 unha extensión ao Museo Histórico, un cubo cuberto de espellos, que reflexa a valiosa substancia arquitectónica histórica na cidade helvética.