Nova: A Cidade da Cultura celebra o seu Entroido Mareiro cun baile coa música de Pablo Díaz e obradoiros

11/02/2018

A Cidade da Cultura celebra o seu Entroido Mareiro cun baile coa música de Pablo Díaz e obradoiros

A festa co concerto será mañá luns a partir das 17,30 horas no Museo Centro Gaiás

Ese mesmo día e o martes 13 o Gaiás organiza obradoiros infantís matinais para que a cativada elabore a súa propia máscara tradicional con refugallos

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2018.- A Cidade da Cultura de Galicia convida as familias ao seu Entroido Mareiro cun trouleiro baile de disfraces coa temática do mundo mariño para mañá luns, amenizado por Pablo Díaz e a banda Tic Tac Toc; e para ese mesmo día e ao seguinte (martes 13) cóntanse con obradoiros matinais para que a cativada elabore a súa máscara tradicional con materiais de refugallos.

O Baile de Entroido Mareiro terá lugar no Museo Centro Gaiás, un edificio que precisamente a moitos visitantes lles lembra á silueta dunha balea, e que se transformará nun auténtico acuario mariño, xa que a temática de disfraces así o require, para unha festa rachada na que terán cabida mariñeiros, mariscadoras, sapoconchos, capitáns, piratas, sereas ou de todo aquilo que lle se lle pase polo maxín os festeiros participantes.

O baile, dirixido a públicos de todas as idades a partir dos 3 anos, comezará ás 17.30 horas cunha sesión de música típica destas datas de carnaval a cargo de Fixemberg DJ. A festa continuará ás 18:30 co espectáculo de música ao vivo de Pablo Díaz e a banda Tic, Tac, Toc, que sen dúbida farán gozar como nunca á cativada da casa na tarde do luns de Entroido.

Obradoiros de máscaras tradicionais

Este 2018 a Cidade da Cultura amplía a súa oferta de actividades de carnaval e, ao xa tradicional baile, engádense dous obradoiros de máscaras destinados a nenos e nenas de entre 9 e 11 anos. Os participantes nesta actividade partirán das máscaras do Entroido galego tradicional (pantallas, cigarróns, xenerais do Ulla ou peliqueiros), para reinterpretalas desde unha perspectiva libre creando deste xeito unha obra única e xenuína. Os rapaces e rapazas participantes deixarán vía libre á súa creatividade para fabricar a súa propia máscara, experimentando con diferentes formas e materiais e empregando obxectos cotiás e de refugallo, como teas, cartón, moqueta ou latas de refresco.

A temática do Entroido Mareiro do Gaiás tamén estará moi presente nesta actividade e tanto as ilustracións da mitra como outros elementos accesorios das máscaras estarán relacionados co mundo do mar. Os obradoiros realizaranse en dúas quendas, mañá luns e o martes, 13 de febreiro, en horario de 10:30 a 13:30 horas e as prazas son limitadas.

Tanto para o Baile de Entroido como para os obradoiros, as entradas teñen un prezo de 3 euros (+gastos de xestión) e xa están á venda no Museo Centro Gaiás, no web ataquilla.com, venda telefónica (902 504 500) e despachos de billetes de Ataquilla. Ademais, como todas as actividades da Cidade da Cultura, é posible acceder a diferentes descontos e ofertas, que se poden consultar en cidadedacultura.gal.

Comparte