Nova: Anxo Lorenzo trasládalle á AGE o compromiso firme da Xunta de Galicia coa proxección exterior do libro galego

09/02/2018
Anxo Lorenzo trasládalle á AGE o compromiso firme da Xunta de Galicia coa proxección exterior do libro galego
O secretario xeral de Cultura mantivo hoxe unha reunión coa directiva da Asociación Galega de Editoras para valorar novas vías de colaboración a prol da promoción internacional do sector
Ante a solicitude da AGE de que a Xunta apoie a súa participación nas feiras do libro de Frankfurt e de Liber, Anxo Lorenzo manifestou a total vontade do seu departamento para ofrecer a colaboración necesaria
Ademais de contribuír coa difusión do libro galego na feira de Boloña e de participar cun stand de Galicia na de Buenos Aires, a consellería tamén apoiará a difusión da creación literaria galega na feira de México
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2018.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, trasladoulle hoxe á directiva da Asociación Galega de Editoras o “firme compromiso” da Xunta de Galicia coa proxección exterior do sector editorial galego. Fíxoo durante a xuntanza que mantivo esta mañá co presidente e co vicepresidente do colectivo, Xosé Ballesteros e Henrique Alvarellos, respectivamente, e na que tamén participou a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal.
O motivo do encontro foi valorar novas vías de colaboración coa difusión exterior do sector editorial galego, a través das principais feiras internacionais. No primeiro encontro deste ano, que será a Feira Internacional do Libro de Boloña, no mes de marzo, a Consellería de Cultura e Educación apoiará a promoción da produción editorial de Galicia a través do Galician Books for Children & Young Adults, un catálogo trilingüe para dar a coñecer a produción galega máis recente dirixida ao público infantil e xuvenil. Segundo confirmaron os representantes da AGE, o colectivo asistirá con fondos propios a esta feira, na que se prevé a presenza de 10 empresas galegas.
Na reunión, o presidente e o vicepresidente da asociación solicitaron o apoio da Administración autonómica para participar este ano noutras dúas feiras, concretamente na de Frankfurt e na de Liber. Respecto da petición, Anxo Lorenzo manifestou a total vontade da Xunta de Galicia para atendela e, con este fin, estanse a valorar os mecanismos administrativos que permitan facer efectivo este apoio.
Segundo lles explicou o secretario xeral de Cultura aos representantes da AGE, a Xunta de Galicia ten en marcha actualmente o proceso de contratación para a participación de Galicia na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires –onde a comunidade galega está presente desde a súa primeira edición– e vai posibilitar tamén a presenza da creación literaria galega na Feira Internacional do Libro de México, un dos principais encontros culturais de América.
O modelo desenvolvido ata agora para a participación do sector nas feiras internacionais baseábase nun proceso de contratación xestionado pola Secretaría Xeral de Cultura cun investimento público de máis de 150.000 euros. Con el poñíanse ao dispor dos profesionais do sector editorial, nomeadamente das empresas editoras, un stand tanto para a exhibición da produción editorial galega como para a realización de reunións comerciais cos diferentes axentes do sector, co fin de favorecer novas vías de negocio. Tamén asumía a Xunta de Galicia o envío de obras para exhibir no stand, para lle dar visibilidade no exterior á produción editorial galega; así como o financiamento para a asistencia á feira de creadores e creadoras galegos.
Ademais, a Consellería de Cultura encargábase da planificación, xestión e desenvolvemento dun programa de actividades literarias e culturais en cada feira, ademais da distribución de diverso material de difusión da produción editorial galega, entre o que destaca o Galician Books for Children & Young Adults, promovido pola Xunta de Galicia e por Gálix, coa colaboración da Asociación Galega de Editoras.
A Consellería de Cultura e Educación puxo en marcha en 2017 o proceso de contratación para a participación de Galicia nas feiras internacionais do libro de Boloña, de Fránkfurt, de Buenos Aires, de Guadalaxara (México) e de Liber de 2018. O pasado mes de decembro, a consellería tomou a decisión de paralizar a contratación das feiras do libro de Boloña, Frankfurt, Guadalaxara (México) e Liber logo da reunión mantida coa AGE o 17 de novembro, ao entender que a entidade tiña intención de xestionar directamente a súa asistencia ás principais feiras internacionais coas axudas fornecidas polo IGAPE a través as cámaras de comercio.
Co fin de reconducir a situación actual e de avanzar en novas liñas de actuación a prol da difusión internacional do libro galego, a Consellería de Cultura e Educación e a AGE están a valorar conxuntamente novas vías de actuación que permitan impulsar a competitividade empresarial do sector e o seu acceso a novos mercados.