Nova: Escenas do cambio pecha coa danza contra a guerra do sirio Mithkal Alzghair

09/02/2018
Escenas do cambio pecha coa danza contra a guerra do sirio Mithkal Alzghair
O Museo Centro Gaiás acolle a peza Displacement que aborda os efectos devastadores da guerra, a ditadura e o exilio en Siria
María Arnal & Marcel Bagés pechan o programa do Festival cun directo no que presentan a súa vertente máis experimental
Con estes dous espectáculos, o Gaiás despide a cuarta edición de Escenas do Cambio, que programou 13 pezas de cinco países en Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2018.- Un programa dobre de danza e música será o encargado de pechar este sábado Escenas do Cambio, o Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción da Cidade da Cultura. Dunha banda, o coreógrafo sirio Mithkal Alzghair trae a Galicia o seu espectáculo Displacement, que aborda os efectos devastadores da guerra en Siria. A continuación subirán ao escenario do Museo Centro Gaiás María Arnal & Marcel Bagés, que presentarán neste directo a súa vertente máis experimental.
A través da danza subversiva de Displacement, Mithkal Alzghair tenta comprender as fontes das que emanan as danzas tradicionais así como a realidade social e política que influíu na concreción deste traballo: a herdanza militar, a ditadura, os réximes autoritarios, a revolución, a guerra e o exilio.
O coreógrafo sirio presenta no Museo Centro Gaiás unha peza para tres bailaríns sobre unha base de danza popular e acompañada de imaxes que ilustran a transformación do pobo sirio a consecuencia da guerra e a emigración. Displacement mira de fronte o conflito bélico e tamén as contradicións do exilio, onde o corazón fica dividido entre a necesidade de marchar e a imposibilidade do retorno, ao tempo que pon en valor o patrimonio cultural dun país devastado polo conflito.
A música será a encargada de pór o peche a esta cuarta edición de Escenas do Cambio, da man de Maria Arnal e Marcel Bagés, que traen á Cidade da Cultura a súa vertente máis experimental. Ao igual que a memoria, principal leitmotiv do seu aclamado álbum debut 45 cerebros y 1 corazón, a creación segundo esta parella de músicos cataláns é materia viva. Arnal e Bagés presentan en Escenas do Cambio un directo con novos matices electrónicos pero no que se lle dá continuidade á cadea de transmisión da cultura popular e á tradición musical mediterránea que ten marcado o seu persoal estilo.
En www.escenasdocambio.org pódese consultar polo miúdo toda a información sobre o festival e adquirir as entradas para a última xornada desta cita anual coa vangarda das artes escénicas.
Dúas semanas de escena contemporánea
Con estes dous espectáculos báixase o pano desta edición 2018 de Escenas do Cambio, cun programa que incluíu un total de 13 pezas de artistas e compañías de cinco países diferentes e na que a escena galega tivo unha presenza destacada, coa estrea en España de Garage de Voadora e nomes como os de Estela Lloves, Félix Fernández, ou iLMaquinario.
Nesta cuarta edición, Escenas do Cambio continuou tamén a súa aposta por traer a Galicia a grandes nomes da escena internacional e por darlle voz a creacións que dificilmente teñen saída nos circuítos escénicos máis convencionais. Así, desde o pasado 1 de febreiro puideron verse en Santiago de Compostela pezas como a aclamada versión minimalista de Tiago Rodrigues de Antonio e Cleopatra de Shakespeare; a estrea en España da última creación do bailaor Israel Galván; ou a emblemática obra de Xavier Le Roy, Self unfinished, peza fundamental da danza moderna.
O festival continuou tamén afianzando a súa rede internacional de colaboradores, con entidades que van desde o ámbito local ao internacional. Así, neste ano colaboran o Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (INAEM), o Institut Français, o Instituto Camões da Cooperação e da Lingua ou o Istituto Italiano di Cultura di Madrid. Desde Galicia, colaboran tamén no festival a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), o Centro Dramático Galego (CDG), o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o concello de Santiago de Compostela.