Nova: Publicado o catálogo de Materia Infinita, a exposición de Xosé Cid en Ourense

26/01/2018
Publicado o catálogo de Materia Infinita, a exposición de Xosé Cid en Ourense
Cultura colabora coa edición do catálogo da última exposición de Xosé Cid en Ourense, ‘Materia Infinita’
A mostra, que permanece aberta ao público ata o día 11 de febreiro, reúne máis de 20 pezas de mediano e gran formato
Ourense, 26 de xaneiro de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa edición do catálogo da exposición Materia Infinita, que se presentou hoxe e que amosa o novo traballo do escultor ourensán Xosé Cid. A mostra, aberta ata o 11 de febreiro na Sala Ángel Valente da cidade das Burgas, está comisariada por Rosendo Cid e reúne máis de 20 pezas de mediano e gran formato, en madeira, mármore, pedra e bronce, de estrutura totémica.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo de relevo durante a presentación da obra que se trata “do testemuño impreso dun proxecto singular que lles permite aos ourensáns e ás ourensás, e a todos os visitantes atraídos por esta oportunidade, redescubrir a este autor, ao tempo que nos abre novas facetas do seu traballo”.
No acto de presentación estiveron presentes, xunto con Anxo Lorenzo, o escultor Xosé Cid, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a directora das Áreas Expositivas dos Espazos Museísticos Municipais, Eva Torres.
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura, colabora con este proxecto para poñer en valor a obra dun dos artistas galegos máis salientables das últimas décadas.