Nova: O grupo de traballo para a dinamización da lectura do Consello Asesor do Libro inicia a súa actividade

23/01/2018
O grupo de traballo para a dinamización da lectura do Consello Asesor do Libro inicia a súa actividade
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2018.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu esta tarde na Biblioteca e Arquivo de Galicia a primeira xuntanza do grupo de traballo para a dinamización da lectura en Galicia, da que forman parte a Consellería de Cultura e Educación xunto con entidades como a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación, a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.
A elaboración de propostas de actuación para a dinamización da lectura é o principal obxectivo deste grupo de traballo, que ten a súa orixe na reunión do pasado mes de decembro do Consello Asesor do Libro. Entre as funcións deste órgano —segundo se establece na Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia— destacan a elaboración de informes de seguimento dos índices de lectura da poboación galega e da produción editorial realizada en Galicia e en lingua galega, a elaboración de propostas para a mellora dos diferentes subsectores da edición e comercialización do libro, así como a emisión de informe en todas as cuestións relacionadas coa planificación da política do libro e os regulamentos que rexan e desenvolvan a dita política.