Nova: Aumentan nun 32% as axudas para a mellora dos arquivos de Galicia

19/01/2018
Aumentan nun 32% as axudas para a mellora dos arquivos de Galicia
Cultura destina 102.740 euros á liña de subvencións para a descrición de fondos documentais
Os entes locais, as universidades e as entidades privadas sen fin de lucro teñen de prazo ata o vindeiro 19 de febreiro para presentar as súas solicitudes
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2018.- A liña de subvencións da Consellería de Cultura e Educación para a mellora dos arquivos de Galicia destina un total de 102.740 euros en 2018 á realización de actividades de descrición de fondos documentais, incrementando un 32,1% a dotación económica respecto do ano 2017.
Esta nova convocatoria de axudas, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180119/AnuncioG0164-261217-0006_gl.html), recupera as universidades como beneficiarios, ademais de dirixirse aos entes locais e ás entidades sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 19 de febreiro. Para a avaliación dos proxectos teranse en conta diversos criterios, entre eles, a antigüidade e o interese dos fondos a describir, o nivel de autofinanciamento e a viabilidade do proxecto. No caso das entidades locais terase tamén en conta o número de habitantes do municipio e mais a presentación de solicitudes por parte dunha agrupación de concellos.
Garantir a conservación e o acceso ao patrimonio documental
Para que os arquivos realicen adecuadamente as súas funcións e a cidadanía teña acceso á información contida nos documentos, é preciso que estean dotados de infraestrutura e equipamento axeitados, e que os seus fondos documentais estean organizados, en bo estado físico e mesmo reproducidos noutros soportes.
Con esta liña de subvencións, a Secretaría Xeral de Cultura colabora no financiamento dos arquivos do Sistema de Arquivos de Galicia para garantir a conservación e o acceso ao patrimonio documental que custodian, cun máximo dun 80% do investimento total do custo dos proxectos. A axuda máxima por beneficiario será de 6.000 euros, ascendendo a 8.000 euros se son solicitudes conxuntas.