Nova: Aberto o prazo para participar na Galicia Escena PRO 2014

16/09/2014

Aberto o prazo para participar na Galicia Escena PRO 2014

Este mercado galego de artes escénicas desenvolverase do 3 ao 5 de novembro coa exhibición dun máximo de 23 espectáculos en cinco escenarios de Santiago

O prazo de remisión de propostas, tanto para as modalidades de representación completa como de ‘showcase’, remata o 30 de setembro na Agadic
 

  • Galicia Escena PRO 2014 Galicia Escena PRO 2014

Santiago, 16 de setembro de 2014.- A través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) abriuse unha convocatoria pública destinada ás compañías profesionais galegas de teatro, danza, novo circo e maxia interesadas en participar no mercado galego de artes escénicas Galicia Escena PRO, que teñen de prazo para enviar as súas propostas ata o vindeiro 30 de setembro.

Galicia Escena PRO celebrarase do 3 ao 5 de novembro de 2014 en Santiago de Compostela co obxectivo de impulsar e dinamizar a contratación dos espectáculos producidos en Galicia.

En total, exhibirá ata 23 espectáculos, 11 deles coa súa duración completa e outros 12 nun formato ‘showcase’ reducido a un máximo de 20 minutos, que se representarán en cinco escenarios composteláns: a Sala A e a Sala B da SGAE/Fundación Autor, o auditorio da Fundación Abanca, o Salón Teatro e o Teatro Principal.

As funcións diríxense a programadores, distribuidores e promotores culturais que se desprazarán á capital de Galicia para presenciar persoalmente as últimas montaxes das compañías galegas e conformar a súa selección cara ás contratación da temporada. O público xeral tamén poderá gozar de boa parte desta carteleira nos recintos con capacidade en número de butacas superior aos profesionais acreditados.

Estreas entre outubro de 2013 e novembro de 2014
Para que a súas propostas poidan ser tidas en conta pola comisión de selección que se nomeará ao efecto, as compañías deberán enviar á Agadic no prazo estipulado o modelo normalizado de solicitude (descargable na sección de avisos de www.agadic.info). Aceptaranse unicamente traballos estreados entre outubro de 2013 e novembro de 2014 e cada compañía poderá preinscribir os seus espectáculos de xeito independente nas dúas modalidades de representación.

A primeira edición de Galicia Escena PRO celebrouse o pasado ano coa asistencia de máis de 50 programadores e axentes culturais galegos. O evento, herdeiro da antiga Feira das Artes Escénicas de Galicia, perfilou a súa dobre vertente como escaparate para impulsar a contratación dos espectáculos galegos e como plataforma para promover unha maior visibilidade social da actividade escénica.

Comparte