Nova: Convocadas as axudas para a mellora de equipamentos culturais dos concellos galegos

17/01/2018

Convocadas as axudas para a mellora de equipamentos culturais dos concellos galegos

Os arquivos municipais inclúense por vez primeira na orde da liña de subvencións destinadas a equipamentos culturais, dotada con 500.000 euros

A consellería de Cultura e Educación dálles prioridade ás iniciativas das zonas menos poboadas para contribuír ao reequilibrio territorial no acceso á cultura

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2018.- A Consellería de Cultura e Educación promove unha nova convocatoria das axudas para a adquisición de equipamento e a mellora das instalacións destinadas á programación de actividades culturais, dotada con 500.000 euros. A convocatoria sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e a ela poderán presentarse todos os concellos, as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia ou as agrupacións de concellos galegos que o desexen.

Os proxectos susceptibles de optar ás subvencións deberán desenvolverse en espazos nos que teña lugar unha programación estable de actividades culturais (bibliotecas, casas e pazos da cultura, locais e centros socioculturais, auditorios, casas da xuventude etc). Este ano, por vez primeira, inclúense entre eles os arquivos municipais integrados no Sistema de Arquivos de Galicia. Entre as actuacións susceptibles de acadar axudas están a supresión de barreiras arquitectónicas, medidas de seguridade e extinción de incendios, mellora da accesibilidade, adquisición de equipamento audiovisual ou compra de material escénico, entre outras.

A Secretaría Xeral de Cultura considera prioritaria a mellora das condicións de equipamento e dotacións técnicas dos espazos das corporacións locais para que poidan abrir as súas propostas culturais a novos campos, adaptándoas ás necesidades que require o desenvolvemento dunha oferta estable, diversa e de calidade. Nese sentido, esta liña de axudas dálles preferencia ás iniciativas das entidades menos poboadas, para contribuír á equidade e ao reequilibrio territorial, facilitando a toda a cidadanía as mesmas oportunidades de acceso á cultura.

Prazo de presentación de solicitudes

As entidades que desexen acollerse a esta orde de axudas dispoñen dun mes, contado a partir do día seguinte á súa publicación da orde no DOG, polo que poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 19 de febreiro.

A axuda máxima por beneficiario é de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder do 90% do orzamento total do proxecto subvencionable. O importe poderá ascender a 35.000 euros cando se trate de solicitudes conxuntas.

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén convocando anualmente esta liña de axudas pública, en réxime de concorrencia competitiva.

Comparte