Nova: A Biblioteca Ánxel Casal celebra o Día do Usuario/a co nomeamento dos socios e socias de honra de 2018

11/01/2018

A Biblioteca Ánxel Casal celebra o Día do Usuario/a co nomeamento dos socios e socias de honra de 2018

Os usuarios e usuarias máis activos o ano pasado poderán levar en préstamo un maior número de obras durante o 2018

  • Anxo Lorenzo participa na celebración do Día do Usuario/a das Bibliotecas Anxo Lorenzo participa na celebración do Día do Usuario/a das Bibliotecas

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2018.- Con motivo do Día do Usuario/a das Bibliotecas, que se celebra o 11 de xaneiro, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde no acto de nomeamento dos socios e socias de honra da Bibioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, que foron recoñecidos os máis activos no número préstamos realizaron ao longo de 2017. No acto, os usuarios José Gómez Casal, Aroa Lareo Moar e Marcos Alonso Pintor recibiron cadanseu lote de libros de mans do secretario xeral, da subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal; e do director da Ánxel Casal, Jesús Torres. Ademais, ao longo deste ano, os usuarios de honra poderán retirar en préstamo un maior número de obras.

As bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas e a Biblioteca de Galicia, xestionadas pola Consellería de Cultura e Educación, organizaron ao longo da xornada diversas iniciativas dirixidas a todos os públicos para promover a celebración desta data. Visitas guiadas para coñecer os servizos que ofrece cada centro, recoñecementos para os lectores máis activos, contacontos, obradoiros, mostras e agasallos para as persoas que visitaron as bibliotecas neste día foron as propostas que centraron a conmemoración, a primeira do Calendario do Libro e da Lectura 2018.