Nova: Traballos de restauración na igrexa de Vilar de Donas para preservar “as mellores pinturas murais góticas de Galicia”

11/01/2018

Traballos de restauración na igrexa de Vilar de Donas para preservar “as mellores pinturas murais góticas de Galicia”

Balseiro comproba os traballos de restauración na igrexa de Vilar de Donas cos que a Xunta busca preservar “as mellores pinturas murais góticas de Galicia”

A Consellería de Educación e Cultura destina 124.200 euros a estes traballos centrados na recuperación do conxunto mural da ábsida e na aplicación de técnicas de conservación e tratamentos biocidas

A web de turismo de Galicia ofrece a posibilidade dunha visita virtual a este templo de referencia para os visitantes e peregrinos das rutas do Camiño Francés e do Primitivo

 

  • Foto Turismo de Galicia
  • O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá a igrexa monacal de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá a igrexa monacal de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei

Palas de Rei (Lugo), 11 de xaneiro de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá a igrexa monacal de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei, co obxecto de coñecer de primeira man os traballos de restauración que a Xunta acomete neste monumento co obxecto de preservar as que están consideradas “como unha das mellores pinturas murais góticas de Galicia”.

Balseiro estivo acompañado durante a visita polo alcalde da localidade, Pablo Taboada, polos responsables técnicos da execución destas obras e por varios veciños da zona, que lembraron que a importancia das pinturas que este templo acolle levou aparellada á súa declaración como Monumento Histórico Artístico xa no ano 1931 e a incorporación da igrexa ao catálogo de Bens de Interese Cultural (BIC) da Xunta de Galicia.

Restauración do conxunto mural e aplicación de biocidas

As obras contan cun orzamento de 124.200 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e contan cun prazo de execución que se prolongará, como mínimo, nos próximos oito meses.

As tarefas de restauración están centradas nas pinturas murais da ábsida –xa que con anterioridade xa se acometeu a recuperación da epístola- e na aplicación de tratamentos preventivos que eviten o deterioro destes murais policromados.

De xeito complementario, prevese a intervención nos paramentos interiores, que inclúe un estudo da colonización biolóxica, a aplicación de tratamentos biocidas por toda a superficie: nave, cruceiro e capelas ou absidiolos.

Os traballos a executar inclúen tamén un estudo histórico artístico deste espazo, o control das condicións de humidade e temperatura, concienciudas análises dos distintos soportes pétreos e a eliminación de morteiros e concrecións alleos á obra. Sen esquecer, claro está, as obras de consolidación, reposición e control que se estimen acaídas

Por último, o proxecto de intervención inclúe a elaboración dun informe final que incorpora unha descrición técnica minuciosa dos traballos executados e pasos que se deron, unha cartografía sistematizada de gran interese para a posta en valor do centro e unha proposta final coas intervencións que se estimen acaídas desde o punto de vista técnico para o mantemento e conservación preventiva dos murais e doutros espazos restaurados.

Visita virtual na web de Turismo de Galicia

Balseiro rematou lembrando que a páxina web de Turismo de Galicia http://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/5396/igrexa-monacal-de-san-salvador-de-vilar-de-donas?langId=es_ES incorpora a posibilidade de facer unha visita virtual desta igrexa e comprobar a inmensa riqueza patrimonial que atesoura, pois non deixa de ser un dos monumentos que mellor exemplifican o románico galego no Camiño de Santiago e de feito, é un templo de referencia, para visitantes e peregrinos das rutas xacobeas do Camiño Francés e do Primitivo

 

Comparte