Nova: Cultura apoiará o Concurso de Rondallas de Vigo

10/01/2018
Cultura apoiará o Concurso de Rondallas de Vigo
A Xunta garante un apoio estratéxico e plurianual ao I Concurso de Rondallas de Vigo
A Consellería de Cultura financiará con 90.000 euros o desenvolvemento deste certame organizado pola Federación de Rondallas da área metropolitana de Vigo
O conselleiro Román Rodríguez subliñou a importancia de conservar esta tradición popular tanto para a cidade como para o conxunto de Galicia, polo que anunciou un evento similar na Cidade da Cultura
Vigo, 10 de xaneiro de 2018.- O Goberno galego garante o seu apoio estratéxico e plurianual para a celebración do I Concurso de Rondallas no recinto feiral de Vigo, que organiza a Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, cuxo departamento financiará con 90.000 euros ata o ano 2020 a celebración deste evento e, por tanto, a súa continuidade no tempo.
Nun acto no que tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Federación de Rondallas, Roberto Giráldez; e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; Román Rodríguez subliñou a importancia desta manifestación musical popular, tanto para a cidade de Vigo como para o conxunto de Galicia, polo que se comprometeu a organizar un evento similar na Cidade da Cultura de Galicia.
En palabras do conselleiro de Cultura, as rondallas “forman parte dunha tradición moi valiosa, e dan acubillo ás inquedanzas musicais de moitas persoas, especialmente na comarca de Vigo”. De aí que a Xunta de Galicia -a través desta consellería- comprometa o seu apoio firme a este certame que o próximo 28 de xaneiro congregará unha ducia de rondallas procedentes de Vigo, Mos, Gondomar, O Porriño e Nigrán, no recinto feiral de Vigo.
Na súa intervención, Román Rodríguez fixo un chamamento aos cidadáns a asistir a este evento que contribuirá manter viva unha tradición popular moi importante na comarca. Finalmente amosou o seu agradecemento a todos os que fan posible o certame, desde os seus organizadores ata cada un dos integrantes destas agrupacións musicais.