Nova: As bibliotecas municipais de Ames, Teo, Oroso e Brión xa ofrecen acceso ao catálogo único da Rede de Bibliotecas de Galicia

29/12/2017
As bibliotecas municipais de Ames, Teo, Oroso e Brión xa ofrecen acceso ao catálogo único da Rede de Bibliotecas de Galicia
Grazas ao sistema integrado de xestión bibliotecaria implantado pola Xunta en preto de 90 bibliotecas municipais
Cun carné único, os usuarios e usuarias poden acceder aos servizos de todas as bibliotecas, ao tempo que se facilita o labor dos técnicos, cunha xestión homoxénea e máis eficiente dos recursos e dos datos
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2017.- A Xunta, a través da Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acaba de implantar o sistema de xestión bibliotecaria integrada nas Bibliotecas Públicas Municipais de Oroso; de Bertamiráns e Milladoiro (Ames); dos Tilos e Grilo (Teo); e de Brión.
En total son preto de 90 as bibliotecas municipais públicas que xa dispoñen deste novo sistema integrado de xestión bibliotecaria, un software libre de código aberto que abre as portas da integración de todas as bibliotecas públicas de Galicia nun contorno unificado, tanto para o traballo dos técnicos das bibliotecas como para a consulta dos catálogos das bibliotecas de Galicia para calquera usuario ou usuaria.
Carné único para os usuarios
O novo sistema de xestión bibliotecaria permite mellorar o servizo para os usuarios de cada biblioteca e da Rede en xeral ao crearse un catálogo único, accesible a través da web https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal. Pero ademais, os usuarios terán un carné único de bibliotecas que dá acceso aos servizos de todas as bibliotecas públicas integradas. Así mesmo, con este sistema tamén se logra homoxeneizar e simplificar a catalogación das coleccións e, en definitiva, camíñase cara ao funcionamento común dos centros integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como cara á mellora do servizo para os usuarios.
Con este novo sistema o usuario pode facer xestións en liña como a solicitude do carné da Rede, reservas, renovacións, cambio da contrasinal e pode acceder co mesmo usuario e contrasinal a este sistema e á plataforma GaliciaLe, un sistema pioneiro de préstamo de libro electrónico.
Sistema moderno, eficiente e accesible
A integración no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia supón impulsar un sistema bibliotecario máis desenvolvido e moderno, permite que a cidadanía poida acceder aos servizos de todas as bibliotecas públicas da rede, mellora a visibilidade dos fondos dos centros –posto que se pode consultar a través dunha páxina única en liña en que a biblioteca está o documento que se busca e reservalo–, e favorece unha xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles grazas á integración de datos.
Un proceso de integración progresiva
O proceso de integración iniciouse en 2016, coa incorporación ao catálogo colectivo un total de 43 bibliotecas e, durante 2017, avanzouse na segunda fase, que se completará en xaneiro de 2018 coa integración dun total de 70 bibliotecas e axencias de lectura municipais. Trátase dun proceso de integración progresiva das preto de 370 bibliotecas que conforman a rede. Nunha seguinte fase irase completando a incorporación das restantes bibliotecas da Rede e abordarase tamén a integración das bibliotecas dos centros públicos escolares.
Esta actuación conta cun investimento de 1,1 millóns de euros no período 2016-2018, cofinanciados con fondos FEDER, para o desenvolvemento e implantación do sistema, a dotación de equipamento tecnolóxico e ampliación dos servizos aos usuarios.
A creación deste catálogo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia forma parte da carteira de servizos dixitais que a Xunta está a poñer a disposición dos concellos a través de nove convenios de colaboración coa Fegamp para impulsar a dixitalización das entidades locais. Todas estas iniciativas enmárcanse na Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten definida unha liña específica de actuación para facilitar a accesibilidade dixital ao patrimonio cultural galego.
As novas incorporacións ao catálogo colectivo
As 70 bibliotecas e axencias de lectura que se incorporan nesta segunda fase ao sistema integrado de xestión bibliotecaria son dos concellos da Laracha, da Pobra do Caramiñal, de Ames, de Baiona, de Barbadás, de Boiro, de Brión, de Burela, de Cambre, de Cangas, de Carballo, de Carral, de Cedeira, de Cee, de Celanova, de Culleredo, de Fene, de Foz, do Grove, de Lalín, de Marín, de Moaña, de Monforte de Lemos, de Mos, de Narón, de Nigrán, do Saviñao, de Oroso, de Ourense, de Ponteareas, do Porriño, de Redondela, de Rianxo, de Ribadavia, de Ribadeo, de Ribeira, de Sada, de Teo, de Verín, de Vilalba, de Xinzo de Limia, de Bueu e das Pontes de García Rodríguez.
Actualmente xa están integradas a Biblioteca de Galicia, as bibliotecas públicas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, e as bibliotecas especializadas de arquivos e museos xestionadas pola Consellería; a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, as fundacións Manuel María e Vicente Risco, a biblioteca do Convento de San Francisco e o CGAI, xunto coas bibliotecas públicas municipais de Ferrol, Vigo, Oleiros, Laxe, Sanxenxo e Ortigueira.