Nova: Cultura, Afundación e o Centro PEN de Galicia convocan o XVI Premio de Poesía Afundación

26/12/2017

Cultura, Afundación e o Centro PEN de Galicia convocan o XVI Premio de Poesía Afundación

As persoas interesadas en participar no certame poden presentar as súas obras inéditas en galego, de máis de 600 versos, ata o 31 de maio de 2018

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2017.- Afundación, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e o Centro PEN de Galicia convocan a décimo sexta edición do Premio de Poesía Afundación, co obxectivo de impulsar e de recoñecer a produción poética en lingua galega.

As persoas interesadas en participar poderán entregar as súas obras inéditas, non presentadas a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos, ata o vindeiro 31 de maio de 2018. Un xurado constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e presidido polo titular do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar, decidirá a obra merecedora do galardón, e a resolución farase pública durante o verán de 2018.

A obra premiada recibirá un único premio de 6.000 euros e será publicada, ademais, na colección Arte de Trobar, editada polo Centro PEN de Galicia coa colaboración da Xunta de Galicia e de Afundación.

Traxectoria do certame

O galardón poético comezou a súa andaina no ano 2002 a instancias do Centro PEN de Galicia e de Afundación co obxectivo de reforzar a imprescindible produción poética en galego e continuar o enriquecemento da creación cultura galega actual. Desde hai anos, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén colaborando con esta cita de referencia na axenda cultural galega, que estimula a creación literaria na lingua propia de Galicia.

Autoras e autores distinguidos co galardón

Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña e mais Estíbaliz Espinosa, gañadora da pasada convocatoria, son algúns dos autores e autoras galardoados co premio.

Un dos elementos que axudan a dinamizar a produción literaria e a dar a coñecer obras e autores son os certames literarios, que permiten actualizar o mercado editorial e que axudan os escritores a difundiren as súas obras. Por iso, a Secretaría Xeral de Cultura vén colaborando con diversos premios. Ademais do Premio de Poesía Afundación, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo apoia, entre outras, iniciativas como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, o Premio de Relato Breve Nélida Piñón, o Certame de Poesía Concello de Carral ou o Premio de Poesía Gonzalo López Abente.

Comparte