Nova: O escritor Xoán Pérez Labaca dálle nome á nova biblioteca municipal de Mondariz

22/12/2017
O escritor Xoán Pérez Labaca dálle nome á nova biblioteca municipal de Mondariz
Inaugurada a biblioteca municipal de Mondariz, que leva o nome do xornalista e escritor local Xoán Pérez Labaca
Están á disposición dos usuarios máis de 500 m2, divididos en dúas plantas nun edificio rehabilitado e equipado coa colaboración de tres administracións públicas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colaborou en todas as fases do proceso e prestou axuda tamén na catalogación dos fondos documentais
Mondariz (Pontevedra), 22 de decembro de 2017.- A biblioteca municipal de Mondariz inaugurouse de xeito oficial hoxe, cun emotivo acto de homenaxe ao xornalista e escritor local Xoán Pérez Labanca, cuxo nome leva xa o edificio. Son máis de 500 m2 divididos en dúas plantas, sala de consulta e lectura con zona infantil, aulas de informática e de estudos e dúas salas de usos múltiples, froito da colaboración de tres administracións públicas, a local, a provincial e a autonómica, para facilitarlle á cidadanía un servizo municipal que favoreza a dinamización cultural do concello.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde no acto oficial, durante o que lembrou o papel das bibliotecas como “espazo de encontro coa lectura diversa e plural e referente básico na formación dos cidadáns”, aos que animou “a facer uso das instalacións”, como forma de “garantir o seu bo funcionamento” e lembrar a memoria de Xoán Pérez Labanca.
Tanto o alcalde da vila, Xosé Represas, como David Regades, membro da Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, interviñeron nun acto marcado pola lembranza do escritor e xornalista nacido en Mondariz e ao que glosaron Rafael Sánchez Bargiela e Estanislao Fernández de la Cigoña.
Rehabilitación e equipamento
A biblioteca municipal de Mondariz reabre as súas portas tras un proceso de rehabilitación no que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Educación, investiu 100.000 euros, e que permitiu o acondicionamento do edificio.
O departamento de Cultura do Goberno autonómico achegou, ademais, 30.000 euros para o equipamento da biblioteca, ademais de facer un importante labor de asesoramento na catalogación dos novos fondos documentais cos que se dotou.
A biblioteca municipal de Mondariz Xoán Pérez Labanca entrou a formar parte da Rede de Bibliotecas de Galicia en abril deste ano.
Mellora dos equipamentos culturais
A colaboración da Xunta de Galicia coa Biblioteca Municipal de Mondariz enmárcase na na aposta da Consellería por fomentar que as medianas e pequenas poboacións conten con espazos nos que poidan poñer a disposición da poboación local unha oferta cultural variada e de calidade. Con este obxectivo, o Goberno galego mantén unha liña de axudas, cun orzamento de 500.000 euros, destinada a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, e agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais.