Nova: Expertos do ámbito cultural da Coruña participan nun encontro para avanzar na Estratexia da Cultura Galega 2021

21/12/2017

Expertos do ámbito cultural da Coruña participan nun encontro para avanzar na Estratexia da Cultura Galega 2021

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu unha xuntanza de traballo cunha vintena de representantes da cidade herculina, co fin de afondar na planificación da acción cultural da comunidade para os vindeiros catro anos

A reunión enmárcase dentro dos diversos encontros territorial e sectoriais que se están levando a cabo dentro do proceso compartido e participativo coas institucións, entidades, colectivos e profesionais do ámbito da cultura

 

  • O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu unha xuntanza de traballo cunha vintena de representantes da cidade herculina O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu unha xuntanza de traballo cunha vintena de representantes da cidade herculina
  • O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu unha xuntanza de traballo cunha vintena de representantes da cidade herculina O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu unha xuntanza de traballo cunha vintena de representantes da cidade herculina

A Coruña, 21 de decembro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reuniu hoxe unha vintena de expertos do ámbito cultural coruñés co fin de afondar e de avanzar na elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021, un documento que será a folla de ruta da planificación da acción cultural da comunidade autónoma para os vindeiros catro anos e na que se fixarán os obxectivos, as liñas estratéxicas e as medidas concretas para reforzar o papel da cultura como piar na creación de riqueza e emprego.

A xuntanza enmárcase na rolda de reunións de traballo que se están a celebrar tanto a nivel territorial como a nivel sectorial para continuar definindo a Estratexia. De feito este é o segundo encontro de carácter territorial que tivo lugar esta semana, logo da celebrada o luns en Vigo. O primeiro destes encontros tivo lugar hai un mes en Santiago de Compostela, no que participaron unha trintena de persoas.

O obxectivo da Consellería de Cultura é deseñar un documento final que sexa o resultado dun proceso compartido e participativo a través da implicación das principais institucións, entidades de base, colectivos, profesionais e empresas culturais. É dicir, unha Estratexia que sexa capaz de darlles resposta aos retos actuais e futuros como son, entre outros, a sociedade dixital, o financiamento, a colaboración público-privada, o fortalecemento da industria cultural e a salvagarda e difusión do patrimonio cultural.

A xuntanza de hoxe estivo presidida polo conselleiro Román Rodríguez, e nela participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; así como representantes dos eidos musical, do libro, das artes plásticas, do audiovisual, das artes escénicas e da xestión cultural.

O obxectivo final é que Galicia conte, por primeira vez, cun documento de traballo rigoroso, froito do diálogo e a cooperación entre administracións, sectores e axentes culturais.

A Estratexia da Cultura Galega 2021 estará estruturada en eixos sectoriais básicos: sector editorial e literario, sector audiovisual, sector musical, artes escénicas, artes visuais e plásticas, e patrimonio cultural.

Comparte