Nova: Continúan as obras de mellora na Biblioteca Pública e o Arquivo Histórico Provincial de Lugo

19/12/2017
Continúan as obras de mellora na Biblioteca Pública e o Arquivo Histórico Provincial de Lugo
As melloras actualmente en marcha corren a cargo do Goberno do Estado e supoñen un investimento de 207.000 euros
Ambos centros son xestionados pola Xunta de Galicia, se ben o edificio que os acolle segue a ser de titularidade estatal
Lugo, 19 de decembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe xunto co subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, na visita ás obras de mellora que se están a executar no Arquivo Histórico Provincial e na Biblioteca Pública, que supoñen un investimento de 207.000 euros.
Ambos centros son xestionados pola Xunta de Galicia, se ben o edificio que os acolle segue a ser de titularidade estatal. As obras actualmente en marcha corren a cargo do Goberno do Estado e veñen a completar outros traballos de mantemento que executa con regularidade o Goberno autonómico.
Trátase de dúas das instalacións culturais máis importantes da cidade de Lugo, xa que logo constitúen un espazo de servizo público e acceso ao coñecemento, á información e a cultura desde a perspectiva provincial.
Biblioteca Pública
O edificio actual da biblioteca data do ano 1987 e ten unha superficie total de 4.207m² distribuídos en catro andares. Con todo, a súa creación oficial como Biblioteca Pública do Estado tivo lugar no ano 1944. As súas instalacións albergan un importante fondo bibliográfico antigo (incunábeis e manuscritos e libros dos séculos XVI ao XIX).
A Biblioteca lucense conta con obras informativas e ficción adultos, zona de bookcrossing, sala de exposicións, salón de actos, internet, servizo de reprografía, información, préstamo e devolución, sala Infantil e xuvenil, ludoteca, sala de actividades infantil, hemeroteca, préstamo de e-readers, internet, comicteca e espazo de audiovisuais, así como unha completa páxina web con recursos en liña
Arquivo histórico
Pola súa banda o Arquivo Histórico Provincial é o centro que recibe, custodia, comunica e difunde o patrimonio documental, ao servizo das administracións e dos lucenses. Na actualidade custodia uns 18.000 metros de documentación, procedente de todos os ámbitos e sectores da provincia. Presta servizo ao público, á administración e aos investigadores.
O arquivo realiza periodicamente actividades de difusión dos fondos e procura a integración do centro na vida cultural da cidade a través de exposicións, cursos, xornadas, visitas escolares, etc. A consulta dos fondos é libre en xeral, salvo por aquelas excepcións fixadas pola lexislación e as derivadas do estado de conservación. Realízase a través da base de datos e os distintos instrumentos de descrición, algúns en curso, e pendentes de elaborar os dos fondos de novo ingreso.