Nova: As bibliotecas escolares da Coruña recibirán 558.000 euros

08/12/2017
As bibliotecas escolares da Coruña recibirán 558.000 euros
Desde a posta en funcionamento do Plan de mellora das bibliotecas escolares en centros non universitarios, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva atendidas as necesidades de 244 colexios coruñeses
As axudas van destinadas a apoiar a transformación das bibliotecas en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, e fomentar o hábito de ler
A Coruña, 8 de decembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, deu a coñecer a resolución da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para presente curso, e que supón un investimento total na provincia da Coruña de algo máis de 558.000 euros.
As achegas corresponden ás sucesivas integracións de centros escolares nos plans de mellora das súas bibliotecas. O primeiro bloque corresponde ás convocatorias realizadas entres os anos 2005 a 2007, e beneficia na provincia da Coruña a 55 centros, cunha achega total de 125.000 euros, 70.000 para a adquisición de fondos e 55.000 para mobiliario e equipamento. En canto ás adheridas entre os anos 2008 e 2015, as axudas benefician a 146 euros e o importe total ascende a a máis de 198.000 euros. Na convocatoria do ano pasado incorporáronse 17 centros máis cunha achega de 91.000 euros dos que 27.000 foron para adquisición de fondos, 55.000 para mobiliario e equipamento e preto de 9.000 para gastos.
Xa de cara ao presente curso, 16 novos centros públicos acceden a novas achegas tras incorporarse ao plan, cun investimento adicional de preto de 85.000 euros, repartido en 30.000 euros para fondos bibliográficos, 45.000 para mobiliario e equipamento e algo más de 9.000 para gastos. Polo tanto, desde a posta en funcionamento do plan a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva atendidas as necesidades de 234 bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios.
A eles hai que sumar outros dez centros concertados da provincia, seis incorporados en 2016 e outros catro no presente curso. aos que a Xunta destina 55.000 euros máis. Para a concesión destas axudas a consellería ten en conta as memorias de actividades levadas a cabo durante o último ano académico, así como as liñas prioritarias de actuación presentadas para o período 2017/18.
As axudas van destinadas a apoiar os procesos de transformación das bibliotecas en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, favorecer as actividades de fomento da lectura e de educación no acceso e uso da información para o correcto desenvolvemento dos proxectos lectores de centro e apoio ao tratamento do currículo, e de acordo coas liñas prioritarias de actuación presentadas.