Nova: Pasearte leva a arte contemporánea aos escaparates de Santiago de Compostela
05/12/2017
Pasearte leva a arte contemporánea aos escaparates de Santiago de Compostela
Cultura colabora coa Fundación Santiago Centro nunha iniciativa que pretende dinamizar o comercio de proximidade mentres achega a arte á rúa
O proxecto Pasearte conta coa participación de 84 comercios de 15 rúas do Ensanche que acollen ata o 5 de xaneiro obras de máis 40 artistas
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2017.- A iniciativa Pasearte está a converter as rúas do Ensanche compostelán en galerías de arte ao aire libre. Desde o pasado sábado 2 de decembro e ata o vindeiro 5 de xaneiro, as galerías Trinta, Metro, Luisa Pita e Federica no era tonta exhiben parte dos seus fondos nos escaparates das rúas máis céntricas da cidade. Un proxecto que pretende dinamizar o comercio de proximidade da zona, ao tempo que o converte nun espazo de colaboración en torno á cultura.
Para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que participou hoxe na presentación de Pasearte, trátase dunha oportunidade para achegar “as novas tendencias da arte e os creadores a un público moito máis amplo do que habitualmente visita as galerías”, propiciando a curiosidade e o interese do público.
No acto de presentación participaron, canda o secretario Xeral de Cultura, o presidente da Fundación Santiago Centro, José María Fernández; o comisario e director de Pasearte, Javier Blanco e a concelleira de desenvolvemento económico do concello de Santiago, Marta Lois.
Anxo Lorenzo destacou que Pasearte contribúe á promoción dos artistas galegos, ao situalos nunha contorna diferente dos seus espazos habituais, ao tempo que “fomenta a creatividade individual, a capacidade crítica e a formación dos máis pequenos” que, a través do coñecemento chegan á comprensión e o gusto pola arte.
O proxecto inclúe unha ampla oferta de obradoiros de arte, foros e encontros con artistas, visitas guiadas ou experiencias en vivo, para que o público que se achegue ao centro da cidade teña a ocasión non só de ver pintura, escultura ou fotografía, senón tamén de formar parte do proceso creativo. A programación de actividades e os horarios poden consultarse na web de Cultura.