Nova: O escultor Xosé Cid presenta en Ourense a súa nova exposición, Materia infinita
23/11/2017
O escultor Xosé Cid presenta en Ourense a súa nova exposición, Materia infinita
A Sala Ángel Valente da cidade das Burgas acolle a mostra, que permanecerá aberta ao público ata o día 11 de febreiro de 2018
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Concello de Ourense nesta iniciativa
Ourense, 23 de novembro de 2017.- A exposición Materia Infinita, que amosa o novo traballo do escultor ourensán Xosé Cid, queda aberta ata o 11 de febreiro de 2018 na Sala Ángel Valente da cidade das Burgas. Comisariada por Rosendo Cid, a mostra reúne máis de 20 pezas de mediano e gran formato, en madeira, mármore, pedra e bronce, de estrutura totémica. Esta é a primeira exposición na cidade do escultor desde o ano 2011 e nela é moi perceptible a evolución do seu estilo.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde na inauguración da mostra, onde puxo de relevo “a constante procura do perfecto conxunto entre o fondo e a forma” da obra de Cid e o feito de que con esta exposición o escultor acada “a madurez creativa”, sendo recoñecible sen deixar de ser único. No acto inaugural estiveron presentes, xunto con Anxo Lorenzo, o escultor Xosé Cid, o comisario da mostra, Rosendo Cid; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a directora das Áreas Expositivas dos Espazos Museísticos Municipais, Eva Torres.
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura, colabora con este proxecto expositivo que se completará coa edición dun catálogo e con diversas actividades, como conferencias e obradoiros, para poñer en valor a obra dun dos artistas máis salientables das últimas décadas.