Nova: Os departamentos de Cultura de Galicia e do Norte de Portugal convocan o IV Premio Literario Nortear para a mocidade

22/11/2017

Os departamentos de Cultura de Galicia e do Norte de Portugal convocan o IV Premio Literario Nortear para a mocidade

A Consellería de Cultura, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a AECT presentaron hoxe as bases da nova convocatoria, nun acto no tamén se lle entregou o premio da terceira edición a Cecilia F. Santomé

O secretario xeral de Cultura afirmou que o certame “tende pontes de colaboración e permite que a xuventude estableza vías de diálogo entre as dúas literaturas”

Vigo, 22 de novembro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Dirección Rexional de Cultura do Norte e mais a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT) promoven unha nova edición do Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora de Galicia e de Portugal, a que constitúe a cuarta, “un certame que tende pontes de colaboración e permite que a xuventude galega e portuguesa estableza vías de dialogo entre as dúas literaturas”.

Así o asegurou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a presentación das bases da nova convocatoria certame, que tivo lugar no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, onde se atopa a exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas. No mesmo acto entregouse o premio da terceira edición do certame, no que resultou premiada a vilalbesa Cecilia Fernández Santomé, escritora e editora dunha revista de moda e tendencias en galego, Coolt.

Segundo explicou o responsable galego de Cultura, “desde a Xunta de Galicia contemplamos este certame como unha ferramenta óptima para seguir afondando no que nos une, así como para propiciar un maior coñecemento das novas voces das dúas beiras do Miño”.

 

Impulso a proxectos culturais comúns

Na súa intervención, o secretario xeral aludiu aos vencellos históricos entre as linguas e as culturas galega e portuguesa, como pobos irmáns. Neste contexto, o premio é froito do memorando de entendemento asinado en 2015 polas tres entidades convocantes, que cualificou como “un marco de traballo conxunto en prol do desenvolvemento cultural desde a colaboración”.

Entre as iniciativas impulsadas ao abeiro deste memorando, Anxo Lorenzo recordou o ciclo de Conversas Nortear, con encontros entre escritores galegos e portugueses, e a exposición Camiños do Ferro e da Prata. Liñas do Douro e do Miño que naceu hai catro anos como exposición temporal no Museo de Lamego e debido ao éxito de público se converteu en mostra itinerante que, grazas ao proxecto Nortear, pecha en Santiago, na igrexa da Universidade, o seu periplo. A mostra pódese visitar aínda, ata o día 29 de novembro.

Un proxecto que vai adquirindo estabilidade e establecendo fíos de unión cada vez máis sólidos –concluíu Anxo Lorenzo- que son os que nos permiten avanzar na comunicación e nos proxectos creativos compartidos. E que nos facilita tamén abrir novas vías de futuro, para reforzar este enriquecedor e imprescindible diálogo cultural entre Galicia e a Rexión do Norte de Portugal”.

 

Nova convocatoria do certame

Dotado con 2.000 euros, ademais da publicación da obra gañadora, o Premio Literario Nortear ten como principais obxectivos distinguir anualmente obras literarias orixinais de ambas as dúas beiras do Miño, incentivar a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa, e favorecer a circulación e distribución de obras literarias entre Galicia e Portugal, para reforzar o diálogo cultural entre os dous territorios.

O certame está dirixido a persoas nacidas e/ou empadroadas na Rexión Norte de Portugal ou en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos, que poderán presentar as súas obras inéditas, de entre 5.000 e 8.000 palabras. O prazo para participar nesta cuarta edición do premio está aberto ata o vindeiro 30 de abril de 2018. Na páxina web de Cultura, en www.cultura.gal/premios, poden consultarse as bases completas da convocatoria.

 

As primeiras edicións do premio

34, Rue Saint Jacques, da escritora lucense Cecilia Fernández Santomé, foi a obra gañadora do III Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora de Galicia e de Portugal. Entre 31 traballos de autores e de autoras con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos, o relato da autora de Vilalba foi elixido polo xurado do certame, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT) para incentivar a creatividade da mocidade escritora galega e portuguesa.

Na primeira edición do premio a gañadora foi a xornalista galega Lara Dopazo Ruibal, pola obra Clementina, mentres que o gañador do segundo certame for o portugués Rui Cerqueira Coelho, co relato Nós arquipélago.