Nova: 23 salas participarán en 2018 na Rede Galega de Música ao Vivo, que duplica orzamento

22/11/2017

23 salas participarán en 2018 na Rede Galega de Música ao Vivo, que duplica orzamento

A Agadic destina 185.000 euros á programación de 2018, cifra que supón un incremento do 105% respecto a este ano

A nova listaxe de espazos asociados configurouse a partir dunha convocatoria pública de admisión coa que se iniciou un proceso para reforzar os estándares de calidade e profesionalidade do circuíto

Ábrese ata o 8 de decembro o prazo para que os grupos se inscriban no catálogo de propostas que se lles achegará aos locais para o primeiro semestre de 2018

 

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación destina 185.000 euros á programación de 2018 da súa Rede Galega de Música ao Vivo, cifra que supón un aumento do 105% respecto ao investimento deste ano. Este incremento orzamentario favorece o inicio dunha nova etapa no seo deste circuíto, con 23 salas seleccionadas tras unha convocatoria pública de admisión e unha revisión das súas normas de funcionamento co fin de reforzar os estándares de profesionalidade e de calidade.

Así llo explicaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, aos responsables dos espazos asociados durante a reunión que mantiveron na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago, para lles dar conta destas novidades. Tanto as bases para a admisión dos locais como as condicións para a xestión interna do circuíto foron consensuadas cos representantes das principais asociacións do sector en Galicia.

Cando se celebra o décimo aniversario do inicio da súa actividade, a rede abre así un proceso a través do que se busca reforzar a súa programación, ao tempo que se garanten as mellores condicións para a celebración dos concertos, tanto desde o punto de vista dos grupos como do público.

 

Novas incorporacións

Entre as salas admitidas, que suman unha capacidade para 4.300 persoas, estréanse neste circuíto A Arca de Noé de Vilar de Santos, A Pousada das Ánimas de Boiro, La Pecera de Vigo e Playa Club da Coruña. Completan a relación de asociadas Bâbâ Bar, Jazz Filloa Club e Sala Garufa Club da Coruña, SalaSon de Cangas do Morrazo, Super 8 de Ferrol, A Ventana de Laxe, Club Clavicémbalo de Lugo, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Var con V de Moaña, Náutico do Grove, Sala Baranda do Barco de Valdeorras, A Casa das Crechas, La Borriquita de Belém, Moon Music Club e Sala Capitol de Santiago, El Contrabajo e La Fábrica de Chocolate de Vigo, e Sala Bianco Sama de Vilagarcía de Arousa. En 2018 o circuíto estenderase, pois, a 14 localidades das catro provincias.

A Agadic financia o 85% da programación desta rede, promovida en colaboración coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, mentres que os espazos asumen o 15% restante. Nela ten cabida unha ampla variedade de estilos musicais, cun importante protagonismo das bandas e intérpretes galegos que, cando menos, supoñen o 75% das contratacións.

Nestes momentos, e ata o 8 de decembro, mantense aberto precisamente o prazo para que os grupos inscriban a través do web www.galescena.gal as propostas que a Agadic lles achegará ás salas cara á configuración das súas carteleiras para o primeiro semestre de 2018.

 

Comparte