Nova: A Mostra da XII Bienal de Pintura Eixo Atlántico reúne 29 obras inéditas de autores galegos e portugueses

09/11/2017
A Mostra da XII Bienal de Pintura Eixo Atlántico reúne 29 obras inéditas de autores galegos e portugueses
A sala de exposicións da praza do Príncipe, no Barco de Valdeorras, é a sede da exposición, que permanecerá aberta ao público ata o día 27 de novembro
A Consellería de Cultura e Educación colabora co Eixo Atlántico nesta iniciativa
O Barco de Valdeorras (Ourense), 9 de novembro de 2017.- A exposición da XII Bienal de Pintura Eixo Atlántico 2017-2018 pode verse desde hoxe en Galicia. A mostra, que foi inaugurada esta tarde no concello do Barco de Valdeorras, exhibirase ata o vindeiro 27 de novembro na Sala de Exposicións da Praza do Príncipe, espazo elixido para a estrea da mostra, que cruzará despois a fronteira para ser exhibida en Viana do Castelo.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na inauguración da exposición, onde puxo de relevo “o papel central da cultura para a construción e o desenvolvemento desta Eurorrexión e do seu sistema urbano”. Aclarou Lorenzo que esta non é unha realidade nova, xa que “temos na lírica galego-portuguesa unha testemuña clara desta longa historia cultural conxunta, hoxe máis cerca que nunca grazas á presenza do Pergamiño Vindel en Galicia”.
Un total de 29 traballos inéditos de creadores e creadoras galegos e portugueses, seleccionados entre máis de 120 traballos admitidos a concurso, conforman a exposición itinerante da bienal, promovida polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular co apoio da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.
Anxo Lorenzo estivo acompañado da presidenta do Xurado, Paula Tavares, o presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Rio, o alcalde de do Barco de Valdeorras e vicepresidente do Eixo, Alfredo García e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez. Esta última sinalou a importancia deste certame para poñer en valor o talento da xente nova. Así mesmo, subliñou que este tipo de eventos constitúen un apoio institucional necesario para que a mocidade poida desenvolver os seus valores, capacidades e habilidades, ao mesmo tempo que se fomenta a creatividade.
A portuguesa Fátima Teles, gañadora da Bienal
A obra Série 0, Descontruindo, de Fátima Teles foi a obra gañadora do primeiro premio da bienal de 2017-2018. Esta artista merecera xa unha mención especial na edición anterior do concurso. O segundo premio foi para os traballos Two Big Women, de Marco Macedo, na categoría de autor portugués, e, na de autor galego, América, de Xosé Luís Carreira López. O premio de novos talentos recaeu en Fragmentos de Memória, do brasileiro Fábio Araújo.
Unha exposición única
A bienal, organizada polo Eixo Atlántico xunto coa Fundação dá Juventude (FJ) de Portugal e co apoio da Secretaría Xeral de Cultura é a única exposición itinerante entre dous países da Unión Europea e ten como principal obxectivo favorecer un espazo de promoción e intercambio de novos creadores e creadoras da Eurorrexión.