Nova: As estatuas de Abraham e Isaac, da desaparecida fachada do Pórtico da Gloria, serán declaradas Ben de Interese Cultural

28/10/2017

As estatuas de Abraham e Isaac, da desaparecida fachada do Pórtico da Gloria, serán declaradas Ben de Interese Cultural

Esta actuación inclúese no marco da declaración singular das esculturas coñecidas que se conservan da primitiva fachada medieval deseñada polo Mestre Mateo para a Catedral compostelá

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2017.- A Xunta de Galicia ten previsto incoar nos próximos meses o expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) das pezas escultóricas coñecidas que se conservan da desaparecida fachada exterior do Pórtico de la Gloria, dúas das cales, aquelas que representan aos profetas Abraham e Isaac, pertencen actualmente á familia Franco. Os bens artísticos incluídos no proceso están tanto en mans particulares como custodiadas en institucións públicas do talle do Museo da Catedral de Santiago e o Museo de Pontevedra.

Os devanditos elementos, adscritos ao taller do Mestre Mateo, acreditan o valor suficiente para ser declarados bens de interese cultural. Pero como a súa orixe é diversa, a proposta consistirá en declaralas de xeito individual, non como colección. En calquera caso, o procedemento iniciarase motivado polo excepcional valor histórico-artístico que sen dúbida posúen.

Trátase dunha serie de pezas e figuras ben coñecida e que goza de gran notoriedade pública tras a exposición monográfica dedicada ao Mestre Mateo no Museo del Prado. Unha mostra comisariada por Ramón Yzquierdo e promovida polo propio Museo, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Fundación Catedral de Santiago, coa colaboración, entre outras institucións, da Xunta de Galicia.

Para concluír, cómpre lembrar que a declaración de BIC é un recoñecemento de valor cultural que non afecta á titularidade do ben e que supón para os seus propietarios o deber de habilitar catro días de visita ao mes.

Comparte