Nova: A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración presenta a súa nova web

28/10/2017
A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración presenta a súa nova web
A entidade deu a coñecer o portal no XIV Encontro Galego da Ilustración, un espazo para a formación e a reflexión que se celebra na sede de Afundación
O secretario xeral de Cultura salientou no acto de apertura a alta calidade da produción galega actual no ámbito da ilustración
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2017.- A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) presentou hoxe a súa nova web no marco do XIV Encontro Galego da Ilustración, que se celebra en Santiago de Compostela. Tanto a renovación da web como o propio encontro contan co apoio da Xunta de Galicia a través dun convenio entre a Consellería de Cultura e Educación e a AGPI.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deulles a benvida aos participantes “a esta cita de diálogo e de conversa” que reúne na capital de Galicia, na sede Afundación, algúns dos ilustradores máis destacados do panorama nacional, así como profesionais doutros sectores afíns, como o editorial, o do deseño, o da publicidade e o da animación. Lorenzo salientou no acto de apertura a alta calidade que caracteriza a produción galega actual de deseño e de ilustración, cun traballo que “enriquece o noso universo de imaxe e a construción visual da cultura galega”.
Unha espazo para a formación e a reflexión
Este encontro constitúe, segundo afirmou Anxo Lorenzo, “unha ocasión para a formación e a reflexión, que vos permite mantervos conectados e ao día nos proxectos máis innovadores e no estado da profesión”.
Na xornada deste ano participan Mar Hernández, Malota, ilustradora que reflexiona sobre a súa profesión a través da súa experiencia. A ilustradora italiana residente en Galicia Giovanna Lopalco aborda o proceso de creación dun filme de animación a través da mirada dunha artista gráfica.