Nova: Os gañadores dos V Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco coñeceranse o próximo 14 de novembro

25/10/2017

Os gañadores dos V Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco coñeceranse o próximo 14 de novembro

A entrega de premios contará coa conferencia Non vale renderse, do asesor e motivador empresarial Emilio Duró

Na súa quinta edición, a convocatoria recibiu preto de 30 proxectos relacionados co deseño, a xestión cultural e internet

 

  • V Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco
  • Co título ‘Non vale renderse’, a charla de Duró procura mellorar a motivación e a mentalidade positiva fronte aos novos retos  Co título ‘Non vale renderse’, a charla de Duró procura mellorar a motivación e a mentalidade positiva fronte aos novos retos

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dará a coñecer in situ, o vindeiro 14 de outubro, o nome dos gañadores dos V Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, certame convocado pola Fundación Cidade da Cultura, coa colaboración do Igape e patrocionio de Afundación, co que se pretende favorecer o emprendemento no eido das industrias culturais. O acto contará, ademais, coa conferencia Non vale renderse do coñecido asesor e motivador empresarial Emilio Duró.

Cada un dos galardoados recibirá un premio en metálico de 2.000 euros; incorporarase de balde durante doce meses ao espazo coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás; e recibirá unha titorización personalizada de apoio, asesoramento de formación para o desenvolvemento do seu proxecto.

A quinta edición dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco recibiu preto de 30 proxectos relacionados co deseño, internet e xestión cultural. A hora de avaliar as iniciativas, o xurado terá en conta o carácter innovador e a creatividade da idea presentada; as posibilidades de se converter nun proxecto viable; a adecuación da iniciativa á modalidade presenta; a integración de perfís profesionais dos participantes; e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia.

Esta entrega de premios terá lugar no Salón de Convencións do edificio CINC o vindeiro 14 de novembro e contará coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o director xerente de Afundación, Pedro Otero.



Conferencia de Emilio Duró

O acto comezará coa conferencia de Emilio Duró que leva por título Non vale renderse. Nela busca mellorar a motivación e a mentalidade positiva dos asistentes fronte aos novos retos, facilitando novas ideas para xestionar os cambios, mellorar a vida persoal e profesional, proporcionar técnicas para xestionar as emocións, vencer os medos que nos atenazan e asumir a responsabilidade das nosas vidas e as nosas accións.

Emilio Duró é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade Autónoma de Barcelona e pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE). Máster en Administración de Empresas por ESADE. Ex directivo de empresas nacionais e internacionais.

Membro do consello de administración de varias empresas, colaborou e colabora como convidado externo en distintas Universidades e Escolas de Negocio Nacionais e Internacionais: ESADE, Universidade Autónoma de Barcelona, San Pablo CEU, Universidade de Navarra, Universidade do País Vasco, IESIDE, Fundesem, Pompeu Fabra, Universidade de Granada, INEDE, ADEN. Na actualidade, e desde hai máis de 30 anos, traballa como asesor, consultor e formador nas primeiras empresas do país.

A asistencia ao acto é gratuíta previa inscrición en cem@cidadedacultura.org

 

Showcase de tortas

Tras a súa intervención, procederase a coñecer o nome dos gañadores e entregarlles o seu premio para, a continuación, rematar o acto cun showcase de tortas, elaborada por un dos gañadores da pasada edición, Daniel Pérez, quen se fixo co Sixto Seco con Cake Artist, que traslada ao mundo da repostería as técnicas de impresión 3D.

Con ampla experiencia profesional en ensino, deseño, ilustración, dirección artística e pastelería, Daniel Pérez continúa, na actualidade, a dar pasos adiante na conexión da repostería creativa e a arte, tal e como demostrará coas súas creacións comestibles o vindeiro 14 de novembro.

 

Homenaxe a Sixto Seco

Os Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego.

Tras a súa morte, a biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrados por máis de 4.000 volumes que abarcan desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios- forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.

 

Comparte