Nova: Un total de 53 entidades municipais benefícianse das axudas para a mellora de equipamentos culturais

20/10/2017
Un total de 53 entidades municipais benefícianse das axudas para a mellora de equipamentos culturais
O DOG publica hoxe a resolución da liña de subvencións a concellos destinadas á adquisición de equipamento e mellora das instalacións nas que se vén desenvolvendo unha programación cultural estable, dotada con 500.000 euros
Os proxectos beneficiarios ascenden a 55, promovidos por medio cento de concellos, polo Organismo Terra de Sanxenxo, pola Mancomunidade Terra de Celanova e polo Organismo Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2017.- As axudas da Consellería de Cultura Educación para a adquisición de equipamento e a mellora das instalacións da rede de equipamentos culturais de Galicia benefician este ano un total de 53 entidades municipais. A resolución desta liña de subvencións, dotada con 500.000 euros, publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia.
Os beneficiarios desta liña de subvencións, promovida pola Secretaría Xeral de Cultura e dirixidas aos concellos de Galicia, ás súas entidades públicas e a agrupacións de concellos, son Ramirás, Porriño, a Mancomunidade Terra de Celanova, Bande, Maceda, Xove, Muras, Redondela, Corcubión, Arteixo, Portomarín, Xermade, Burela, Carballeda de Avia, Vilarmaior, O Grove, Teo, O Barco de Valdeorras, Riotorto, Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Cercedo Cotobade, Rodeiro, Ribas de Sil, Viveiro, Miño, o Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo, O Saviñao, Monterroso, Guntín, Tordoia, Oza-Cesuras, Muíños, Lobeira, Verín –con dous proxectos–, A Pobra do Brollón, Ourol, o Organismo Autónomo Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra, O Vicedo, Cariño, Baiona, Pantón, Oleiros, Alfoz –con dous proxectos–, Bóveda, Outeiro de Rei, Vilamarín, As Neves, A Veiga, Cabanas, O Valadouro, O Carballiño e mais A Baña.
As contías das axudas, que van desde os 485,52 ata os 20.129,73 euros, están destinadas a apoiar o financiamento dun total de 55 proxectos en espazos nos que se vén desenvolvendo unha programación estable de actividades culturais (bibliotecas, casas e pazos da cultura, locais e centros socioculturais, auditorios, casas da xuventude etc), entre os que se inclúen actuacións para a supresión de barreiras arquitectónicas e mellora da accesibilidade, adquisición de equipamento audiovisual, compra de material escénico e inciativas de acondicionamento acústico.
Mellora da rede de equipamentos culturais
Co fin de acondicionar a rede de equipamentos culturais de Galicia e de adaptala ás necesidades que require o desenvolvemento dunha oferta cultural estable, diversa e de calidade, a Consellería de Cultura e Educación vén convocando anualmente esta liña de axudas pública, en réxime de concorrencia competitivoa, dirixida aos concellos, ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, e agrupacións de concellos.
Mediante convenios de colaboración, a Consellería tamén vén apoiando a realización de diversos proxectos que redundan na consecución deste mesmo obxectivo. O pasado mes de setrembro, o Consello da Xunta de Galicia autorizou o apoio de 100.000 euros á rehabilitación do Casino de Noia, o que permitirá levar a cabo no inmoble unha actividade cultural estable. Ademais, o Goberno galego tamén levou a cabo este ano diversas melloras nas instalacións das bibliotecas públicas de xestión autonómica de Vigo Juan Compañel, de Pontevedra Antonio Odriozola, de Santiago Ánxel Casal e de Lugo, nas que se investiron un total de 60.600 euros para a dotación de mobiliario e para a realización de diversas actuacións, co fin de adecuar os servizos bibliotecarios ás necesidades dos seus usuarios e das súas usuarias.