Nova: Homenaxe musical a Germán Lago no 50 aniversario do seu pasamento

19/10/2017

Homenaxe musical a Germán Lago no 50 aniversario do seu pasamento

O guitarrista e investigador galego Samuel Diz e o recoñecido Cuarteto Aguilar ofrecerán o 4 de novembro un relatorio-concerto no Gaiás

O legado artístico do músico galego chegará ao Arquivo de Galicia para a súa conservación, o seu estudo e a publicación dunha monografía en 2019

  • Cartel Homenaxe Germán Lago Cartel Homenaxe Germán Lago
  • Samuel Diz Samuel Diz
  • Cuarteto Aguilar Cuarteto Aguilar

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria homenaxea o músico galego Germán Lago co gallo do 50 aniversario do seu pasamento coa celebración, o 4 de novembro, na Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura, dun relatorio-concerto a cargo do guitarrista e investigador Samuel Diz e do recoñecido Cuarteto Aguilar.

Esta homenaxe servirá para que as persoas asistentes se acheguen aos principais fitos biográficos de Germán Lago nun relatorio do guitarrista e investigador galego Samuel Diz seguido dun concerto do Cuarteto Aguilar.

Fundador e director de diferentes agrupacións musicais de pulso e púa, Germán Lago presentou en Madrid en 1929 a Orquesta Ibérica, formación de bandurra, laúdes e guitarras que contou desde os seus comezos coa favorable atención dos críticos e compositores da Xeración do 27 e numerosos contratos discográficos.

O músico e investigador galego Samuel Diz, autor de Guitarra clásica galega (Ouvirmos), estuda e analiza a biografía musical de Germán Lago xunto ao matrimonio Esther Casado-Antonio Navarro, co obxectivo de publicar en 2019 unha monografía esperada polas numerosas formacións de pulso e púa ao longo da xeografía galega e española.

Pola súa banda, os inicios do Cuarteto Aguilar remóntanse a 1923, momento no que os fillos do doutor Francisco Aguilar, baixo os consellos de Germán Lago, formaron este cuarteto de laúdes percorrendo desde os seus comezos salas de Europa e América, atopando a colaboración de destacados compositores como Igor Stravinsky.

Homenaxe musical

A homenaxe musical no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia comezará ás 12:00 horas con dúas pezas inéditas, Cantigas e Danza Galaica, que o compostelán Luís Taibo (1883-1967) escribiu para o Cuarteto Aguilar e das que non hai constancia de que fosen interpretadas ata este momento. Xunto a Tango (Danza Andaluza nº2 op.8) de Joaquín Turina (1882-1949) e Granada de Isaac Albéniz (1860- 1909), tamén soarán nesta homenaxe La copla intrusa de María Rodrigo (1888-1967), unha das compositoras máis destacadas da Xeración do 27.

Para rematar, Samuel Diz ofrecerá xunto ao Cuarteto Aguilar unha interpretación actualizada do pasadobre Verónicas y faroles de Germán Lago, unha obra que foi publicada e incluída en numerosos concertos dirixidos polo músico protagonista desta homenaxe.

Legado artístico no Arquivo de Galicia

Este relatorio-concerto inscríbense nos actos de homenaxe que están vencellados coa chegada ao Arquivo de Galicia, con sede na Cidade da Cultura de Galicia, do seu legado artístico (cartas, fotografías e os cadernos, doados polo matrimonio Esther Casado-Antonio Navarro) para a súa conservación, o seu estudo e a publicación dunha monografía en 2019.

Inscrición

A entrada para esta homenaxe na Biblioteca de Galicia do 4 de novembro é de balde, mais é necesaria a inscrición previa na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia: www.cidadedacultura.gal