Nova: A obra de Carlos Casares centrará o XIV Curso A literatura infantil e xuvenil. Relacións texto-imaxe

27/09/2017
A obra de Carlos Casares centrará o XIV Curso A literatura infantil e xuvenil. Relacións texto-imaxe
O Ramón Piñeiro, o ICE e a AELGA convocan para os días 10 e 11 de novembro esta acción formativa baixo o título Literatura e memoria: Carlos Casares no ensino
O prazo de inscrición está aberto ata o 9 de novembro
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2017.- A obra do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2017, Carlos Casares, centrará o XIV Curso de Formación A Literatura Infantil e Xuvenil. Relacións texto-imaxe, que se celebrará o próximo novembro baixo o título Literatura e memoria: Carlos Casares no ensino. As entidades convocantes desta acción formativa son o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Consellería de Cultura e Educación, o Grupo de Investigación LITER21 pertencente ao Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da Universidade de Santiago e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
O curso celebrarase na capital de Galicia: o día 10 de novembro na sede Ramón Piñeiro e o 11 de novembro na Biblioteca Afundación. O prazo de matrícula está aberto xa ata o 9 de novembro e toda a información dispoñible no Portal da Lingua Galega.
Formación para a comprensión lectora
Baixo a dirección das profesoras Blanca-Ana Roig Rechou (directora do proxecto de Literatura Infantil e Xuvenil do Ramón Piñeiro) e Ana María Porto Castro, o curso abordará a faceta de Carlos Casares como educador e escritor de literatura infantil e xuvenil, co obxectivo de salientar a importancia deste autor na formación lectora no ensino infantil, primario e secundario e demostrar que a súa obra é imprescindible na planificación lectora.
A organización do curso A Literatura Infantil e Xuvenil. Relacións texto-imaxe chama a atención sobre o feito de que a formación ofertada nel está xeralmente excluída, ou pouco ofertada, nos planos de estudo dos graos, malia a súa transcendencia en ámbitos básicos como a formación e comprensión lectora e escrita.