Nova: A visita á mostra Auga Doce será gratuíta os últimos quince días

31/08/2014

A visita á mostra Auga Doce será gratuíta os últimos quince días

Os asistentes poderán participar nun sorteo diario dunha estancia, nalgunha das nosas termas, por cortesía de Balnearios de Galicia

O Museo Centro Gaiás acollerá o 12 de setembro un concerto no que o guitarrista Daniel Minimalia presentará o seu novo disco: Arenas de luna

  • Auga Doce Auga Doce

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a todos os galegos a descubrir a exposición ‘Auga Doce’, que este martes, 2 de setembro, entra na súa recta final con entrada de balde para todos os públicos, ata o 14 de setembro. Durante estes últimos quince días aberta ao público, ‘Auga Doce’ contará igualmente con dúas visitas guiadas diarias: ás 11,30 e 17,30 horas, que tamén serán gratuítas.

Os visitantes que se acheguen ao Museo Centro Gaiás poderán descubrir a beleza que se agocha na auga, un dos elementos máis definitorios da esencia galega, a través das obras de grandes artistas de todos os tempos como John Constable, David Hockney, Gerhard Richter, Luise Bourgeois, Mario Merz, Martín Chirino ou Chema Madoz; e poderán facelo totalmente de balde.

Ademais, cada visitante participará no sorteo diario dunha estancia nun hotel-balneario, cortesía de Balnearios de Galicia, un dos patrocinadores desta mostra multidisciplinar que reúne pintura, escultura, fotografía, vídeo, instalación, enxeños científicos ou pezas etnográficas.

Concerto de Daniel Minimalia
Na despedida de ‘Auga Doce’, o Museo Centro Gaiás acollerá tamén un concerto, con entrada de balde, do guitarrista e compositor Daniel Minimalia, que presentará os temas do seu novo traballo: Arenas de Luna.

O novísimo artista ourensán –catalogado pola crítica como o Mike Oldfield español- subirá ao escenario do Gaiás a partir das 19 horas, onde despregará toda a maxia da súa guitarra en temas como ‘Olas del Sur’, single de adianto do seu segundo traballo no que colabora Rosa Cedrón.

Compilación de grandes nomes da historia da arte
‘Auga Doce’ preséntase como unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio, como o MoMA, o Victoria & Albert, o Rijksmuseum, o Musée D’Orsay, o Reina Sofía ou o Thyssen-Bornemisza, ademais de pezas procedentes dos principais museos e coleccións galegas, como o CGAC, ou Museo de Belas Artes da Coruña.

Museo de Pontevedra
Pinturas, esculturas, fotografías, vídeos, instalacións, enxeños científicos ou pezas etnográficas mergullarán ao visitante nunha intensa experiencia estética a través de grandes nomes da creación e mestres clásicos, ademais de 166 obras de artistas galegos como Manuel Vilariño, Lois Patiño, Francisco Leiro, Manolo Paz, Xoán Anleo ou Eugenio Granell.

A exposición conta co patrocinio da Gas Natural Fenosa, Fundación Aquae, Banco Sabadell, ademais da Fundación Gaiás e organizouse coa colaboración de Finsa, Balnearios de Galicia, Agamin, Coca Cola, Obra Social “La Caixa” e Augas de Mondariz.

Comparte