Nova: Os Bolechas chegan a Castrelo de Miño e a Sober coa nova actividade De Chispa a Tatá

22/09/2017

Os Bolechas chegan a Castrelo de Miño e a Sober coa nova actividade De Chispa a Tatá

A proposta, que se enmarca no FalaRedes 2017, pon a proba de xeito lúdico a habilidade física e os coñecementos culturais sobre Galicia da cativada de 4 a 10 anos

O espectáculo percorrerá ata novembro 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Como é habitual no programa de dinamización, a entrada ás funcións é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos

  • Os Bolechas

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2017.- Os personaxes animados máis famosos de Galicia, Os Bolechas, chegarán durante esta fin de semana aos concellos de Castrelo de Miño (Ourense) e Sober (Lugo) cunha nova proposta de lecer en galego protagonizada por eles: Os Bolechas. De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas, que se inclúe no catálogo de actividades de dinamización lingüística que a Secretaría Xeral de Política Lingüística programa en exclusiva para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco do FalaRedes 2017.

Chegará ata novembro a 21 concellos galegos con entrada libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. A primeira das paradas, na Terra de Lemos, será mañá, sábado, no Centro Sociocultural de Sober, ás 19:00 horas. O domingo, a cita no Ribeiro será en Castrelo de Miño, no salón de actos do Concello, ás 12:00 horas.

 

Os Bolechas, no Camiño de Santiago

A actividade leva por nome De Chispa a Tatá. Imos de Moraña a Zas. Na mesma, Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pousada de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda e participación do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.

Como é marca da casa, nesta proposta dos Bolechas para FalaRedes a participación non se limita ao día do espectáculo, senón que se amplía e ten continuidade a través das novas tecnoloxías. Durante a actividade, o público coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá acceder ao web osbolechas.gal/dechispaatata para seguir xogando e aprendendo e mais para conseguir ata 20 lotes dos seus libros.

Despois das paradas desta fin de semana, a actividade continuará ata o 5 de novembro percorrendo outros 18 municipios: Barro, Caldas de Reis, Castro Caldelas, Triacastela, Quiroga, Rianxo (en colaboración coa Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte), Pazos de Borbén, A Bola, Frades (en colaboración coa Mancomunidade da Comarca de Ordes), Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Mos, Bueu, Ordes e Xove.

Toda a información xa está dispoñible no enlace http://www.lingua.gal/dechispaatata.

 

FalaRedes 2017

A sexta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, en todas as actividades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Comparte