Nova: Os guitarristas Samuel Diz e Xavier Díaz-Latorre, protagonistas do festival Espazos Sonoros nesta fin de semana

14/09/2017

Os guitarristas Samuel Diz e Xavier Díaz-Latorre, protagonistas do festival Espazos Sonoros nesta fin de semana

O sábado, ás 19:00 horas, Díaz-Latorre ofrecerá no mosteiro de Montederramo unha viaxe pola evolución da guitarra desde a Idade Media ata o Barroco

O domingo, á mesma hora, no castelo de Pambre, Samuel Diz realizará un percorrido histórico pola presenza da guitarra en Galicia, a través de compositores como Jesús Bal y Gay, Frederic Mompou ou Saúl Chapela

A Pontenova será a próxima parada do festival, o 23 de setembro, cun concerto de Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero nos antigos fornos do municipio. O prazo para participar na visita guiada por estas construcións estará aberto ata o día 20

  • Os guitarristas Samuel Diz  e Xavier Díaz-Latorre, protagonistas do festival Espazos Sonoros nesta fin de semana Os guitarristas Samuel Diz e Xavier Díaz-Latorre, protagonistas do festival Espazos Sonoros nesta fin de semana

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2017.- O festival Espazos Sonoros viaxa esta fin de semana a Montederramo e Palas de Rei cunha programación dedicada á música para guitarra, que ten como protagonistas os recoñecidos músicos Samuel Diz e Xavier Díaz-Latorre. Este último, especialista en instrumentos antigos de corda pulsada, ofrecerá o sábado 16 de setembro, no mosteiro de Montederramo, unha viaxe pola evolución da guitarra, desde as súas formas máis arcaicas –a guitarra medieval e renacentista–, pasando pola viola de man, ata chegar á guitarra barroca. O concerto A guitarra e os seus camiños dará comezo ás 19:00 horas e a entrada é de balde ata completar a capacidade. 

Previamente á actuación, o festival promovido pola Consellería de Cultura e Educación, baixo a dirección artística de Belén Bermejo, ofrecerá para as persoas inscritas unha ruta polo bidueiral de Gabín, un espazo natural situado entre a Ribeira Sacra e o macizo central de Queixa-Manzaneda. O percorrido rematará cunha visita guiada polo mosteiro de Montederramo antes do inicio do concerto. 

O domingo 17 de setembro, tamén ás 19:00 horas, será a quenda do músico Samuel Diz, que realizará unha viaxe histórica pola presenza da guitarra en Galicia. Baixo o título Paseando doña Silvana. A guitarra na Galicia contemporánea –en alusión a un romance recollido polo musicólogo lucense Bal y Gay que documenta a presenza da guitarra na tradición popular galega–, Samuel Diz ofrecerá un recital con obras de autores como o descoñecido José Chas, Jesús Bal y Gay, Frederic Mompou e Saúl Chapela, entre outros. 

Antes do concerto, ás 17:30 horas, as persoas interesadas poderán participar nunha visita guiada polo lendario castelo de Pambre, un dos máximos expoñentes da arquitectura civil medieval galega, recentemente rehabilitado para a súa apertura ao público. 

Os instrumentos populares galegos, na Pontenova

A próxima parada de Espazos Sonoros será o sábado 23 de setembro na Pontenova. O festival promovido pola Secretaría Xeral de Cultura programará ese día un concerto, ás 19:00 horas, arredor dos instrumentos populares galegos, que correrá a cargo dos músicos Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero. A actuación terá como escenario os antigos fornos do municipio lucense onde se calcinaba o mineral de ferro. 

A xornada dará comezo pola mañá cun percorrido pola ruta do antigo ferrocarril, que unía as minas de Vilaoudriz co porto de Ribadeo, e incluirá tamén unha visita guiada aos antigos fornos. As persoas interesadas en participar nestas dúas actividades poden inscribirse ata o 20 de setembro en actividades@espazossonoros.org

Música en diálogo co patrimonio

Un obradoiro de fundición de campás, a paisaxe organística do Camiño do Norte, rutas a pé, visitas guiadas e obradoiros conforman unha programación que contará nas próximas xornadas, ata o 15 de outubro, coas actuacións de Manseliña, na igrexa de Santa María de Godos, en Caldas de Reis; do pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo, no Liceo de Ourense, e da Austrian Baroque Company, que pechará a décima edición do festival na igrexa de Santa María de Baiona.

O programa completo de Espazos Sonoros pode consultarse en www.cultura.gal/axenda e en  www.espazossonoros.org