Nova: Fondo pesar polo pasamento de Xohana Torres, unha escritora plena

13/09/2017

Fondo pesar polo pasamento de Xohana Torres, unha escritora plena

  • Xohana Torres, nunha foto do arquivo da RAG Xohana Torres, nunha foto do arquivo da RAG

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2017 .- A Xunta de Galicia quere sumarse ao sentimento de fondo pesar que hoxe aflixe ao mundo da cultura de Galicia polo pasamento de Xohana Torres. En palabras do titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, “foi unha escritora plena, dinamizadora da nosa cultura e lingua, persoa que desdeñou a espera de Penélope e preferiu o periplo errante e revelador do destemido Ulises”.

Para Román Rodríguez “é de xustiza é, nesta hora, agradecerlle que fixese ao pobo galego partícipe da súa viaxe vital, que agora remata, a través de cadernos de bitácora singulares cos que aos seus lectores e lectoras nos foi permitido -palabra a palabra, verso a verso, a bordo da mesma nave-, compartir con ela a aventura. En todos os galegos e galegas permanece, para revivir a experiencia, a súa voz poética irrepetible”.