Nova: Abre o centro de interpretación do xacemento romano de Caldoval, unha mostra viva da antiga Roma

08/09/2017
Abre o centro de interpretación do xacemento romano de Caldoval, unha mostra viva da antiga Roma
O conselleiro de Cultura participou na apertura deste centro de interpretación que recrea o que foi unha instalación dedicada ao ocio, á práctica de deporte e ao coidado do corpo que estivo en uso entre os séculos I e V
Mugardos (A Coruña), 8 de setembro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, participou esta tarde no acto de apertura do centro de interpretación do xacemento romano de Caldoval, en Mugardos, logo dun proceso de conservación e de musealización dos vestixios atopados, que contou co apoio técnico e o asesoramento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
O conselleiro salientou a calidade dos traballos levados a cabo para a posta en valor deste espazo que recrea o proceso de saúde e práctica do deporte na época romana no que foi unha instalación de ocio e coidado do corpo que estivo en uso entre os séculos I e V despois de Cristo.
Segundo Román Rodríguez, os achados que se amosan son “unha mostra viva da antiga Roma”, ao tempo que se van converter “nun referente de futuro” no que atinxe á conservación do patrimonio, á aposta pola cultura e ao desenvolvemento dunha arquitectura sostible e respectuosa coa contorna.
Así mesmo subliñou que este espazo agora recuperado -e que veu á luz a raíz da ampliación da planta regasificadora de Mugardos, na punta Promontoiro- tamén vai abrir novas oportunidades de ocio e de turismo.
Finalmente o conselleiro aproveitou para amosar o seu agradecemento a Reganosa -como entidade promotora da iniciativa que realizou e financiou o proxecto museístico-, ao Concello de Mugardos –que cedeu os terreos-, e aos técnicos de Patrimonio polo seu traballo.
O conselleiro estivo acompañado do presidente de Reganosa, José María Paz Goday, do director da planta regasificadora, Emilio Bruquetas; da alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero; e do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; entre outros representantes do ámbito empresarial, social e cultural da zona.