Nova: A nova biblioteca de Baiona contará con 40.000 euros para o seu equipamento

01/09/2017
A nova biblioteca de Baiona contará con 40.000 euros para o seu equipamento
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde para abordar asuntos de interese para o concello
Baiona (Pontevedra), 1 de setembro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comprometeu esta mañá un investimento próximo aos 40.000 euros para dotar de equipamento á nova biblioteca municipal de Baiona. Tal e como avanzou o conselleiro con motivo da súa visita ao municipio, este compromiso plasmarase nun convenio de colaboración co Concello, que se prevé asinar neste mesmo mes.
O titular do departamento de Cultura do Goberno galego avanzou este apoio á nova biblioteca durante a reunión que mantivo co alcalde, Ángel Manuel Rodal, e na que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e mais a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.
Durante a xuntanza abordáronse outros temas de interese para o concello relacionados co ámbito cultural e patrimonial. Neste sentido, o conselleiro tamén manifestou a intención do seu departamento de abordar a restauración da igrexa de Santa María de Baiona.
En canto ao ámbito educativo, cómpre lembrar que a Consellería vén de realizar un forte investimento no CEIP de Fontes-Baíña, onde nos dous últimos anos (2016 e 2017) se investiron máis de 170.000 euros.