Nova: O ciclo 'Monumenta. andar con arte' segue os pasos de Ruth Matilda Anderson na Costa da Morte

16/08/2017

O ciclo 'Monumenta. andar con arte' segue os pasos de Ruth Matilda Anderson na Costa da Morte

A fotógrafa norteamericana e o artista alemán Manfred Gnädinger son os protagonistas dunha andaina o domingo 20 de agosto en Camariñas.

Para o día anterior, o programa propón unha viaxe pola paisaxe sonora e cultural de Mondoñedo

As persoas interesadas poden inscribirse ata o 17 de agosto en http://monumentagalicia.com

  • Pola Costa da Morte con Ruth Matilda Anderson e Manfred Gnädinger Pola Costa da Morte con Ruth Matilda Anderson e Manfred Gnädinger
  • Escoitando as Terras de Miranda Escoitando as Terras de Miranda

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2017.- A programación desta fin de semana do ciclo Monumenta. Andar con arte camiñará pola Costa da Morte tras os pasos da recoñecida fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson, que chegou a Galicia en 1924 para documentar a realidade social do país, por encargo da Hispanic American Society. Canda ela, o artista alemán Manfred Gnädinger, Man, será tamén protagonista desta xornada que transcorrerá o domingo 20 de agosto, a partir das 10:30 horas, en Camelle, no municipio de Camariñas.

Esta viaxe no tempo pola paisaxe natural e cultural da Costa da Morte estará guiada pola conversa dos artistas plásticos Carmen Hermo e Ángel Cerviño, do fotógrafo Anxo Cabada e mais do antropólogo Manuel Vilar, camiñantes convidados desta xornada.

 

Escoitando as Terras de Miranda

Previamente, o sábado 19 de agosto, Monumenta chegará a Mondoñedo coa xornada Escoitando as Terras de Miranda, para coñecer o legado inmaterial do concello lucense a través da súa paisaxe sonoro-cultural. O campanario da catedral será o punto de partida dun percorrido no que non faltarán os vilancicos barrocos compostos en galego por mestres da capela desta basílica, as melodías de Pascual Veiga ou os cantos de cego e os sons das zanfonas.

As persoas interesadas en participar en ambas as andainas deben inscribirse na web https://monumentagalicia.com. O prazo estará aberto ata mañá, 17 de agosto.

 

Últimas sesións

Logo da súa posta en marcha o pasado 5 de agosto na capital de Galicia, cunha camiñada centrada na figura e na obra do xeógrafo Domingo Fontán, o ciclo Monumenta descubriu os cultos en Santa Mariña de Augas Santas, Allariz; achegouse ao patimonio natural e arquitectónico de Santa María de Pesqueiras, no municipio lucense de Chantanda, e viaxou no tempo ata a Valga romana.

Tras o seu paso por Mondoñedo e por Camariñas, o ciclo promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –baixo a coordinación de Sinsalaudio, Tomos Conservación Restauración e Van Divulgación Cultural– pechará a súa edición de 2017 na fin de semana do 26 e o 27 de agosto. O sábado, cunha andaina por Redondela que seguirá os pasos do folclorista e investigador Casto Sampedro. E, o domingo, en Nogueira de Ramuín, cunha xornada dedicada ao musicólogo norteamericano Alan Lomax e aos afiadores dos Peares.

 

Monumenta, na web

Toda a información sobre a edición de 2017 do ciclo Monumenta está accesible en www.cultura.gal, onde se pode consultar o calendario e contidos da programación.

 

Comparte