Nova: O filme de culto 'This is Spinal Tap' e a música de DJ Isaac Torgal, protagonistas do único Atardecer no Gaiás desta semana

14/08/2017

O filme de culto 'This is Spinal Tap' e a música de DJ Isaac Torgal, protagonistas do único Atardecer no Gaiás desta semana

Este xoves, día 17, retómase o cinema ao aire libre con este falso documental, que virá precedido da pinchada do coñecido Dj ourensán

  • This is Spinal Tap | Atardecer no Gaiás This is Spinal Tap | Atardecer no Gaiás

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2017.- O ciclo Atardecer no Gaiás contará esta semana cunha nova sesión de cinema ao aire libre. Nesta ocasión, permitirá gozar de This is Spinal Tap, un falso documental de culto que se poderá ver en versión orixinal, con subtítulos en galego. Esta proxección virá precedida, como vén sendo habitual, por unha pinchada personalizada do coñecido DJ Isaac Torgal, que contextualizará cos seus temas o mundo e xénero musical que se aborda no filme.

This is Spinal Tap é un filme norteamericano de 1984 dirixido por Rob Reiner. Trátase dun falso documental, con tinguiduras paródicas, sobre unha ficticia banda británica de heavy metal. A película está considerada polo The New York Times como unha das 1.000 mellores filmadas.

Creada polo director xunto os actores principais, a película ten como protagonistas a Christopher Guest (Nigel Tufnel, guitarrista líder), Michael McKean (David St. Hubbins, vocalista e guitarrista), Harry Shearer (Derek Smalls, baixista) e ao mesmo Rob Reiner (Marty DiBergi, no papel de director do documental).

Todos eles foron tamén os autores deste filme con moita retranca que parodia os tópicos da cultural rock e da vida das súas estrelas. Por mor do grande éxito conseguido con este falso documental, Spinal Tap converteuse realmente nunha banda coa que chegaron a sacar discos e mesmo fixeron xiras de presentación.

A película converteuse en todo un fenómeno cinematográfico e nun filme de culto. No entanto, nunca chegou a estrearse en salas comerciais en España e a súa exhibición pública viuse reducida a festivais e circuítos especializados. Por este motivo, resulta tan especial a súa proxección no cinema ao aire libre do Atardecer no Gaiás, para o que sempre se contan con flocos de millo e mantiñas para axudar a combater o fresco, unha vez que caia o sol.

Mais antes disto, o comezo do solpor estará musicado polo carismático Isaac Pedrouzo, máis coñecido como DJ Isaac Torgal, debido a súa vinculación co mítico Café Pop Torgal de Ourense, local polo que teñen pasado importantes bandas indies internacionais do momento.

A súa pinchada poralle banda sonora á posta de sol e tamén servirá para contextualizar musicalmente a época do filme e tamén o xénero musical protagonista de This is Spinal Tap.

A do xoves será a única sesión de Atardecer no Gaiás desta semana, por mor de todos os preparativos de Cidade Imaxinaria, unha das citas consolidadas da programación do verán na Cidade da Cultura.

Esta xornada, totalmente gratuíta, está pensada para gozar ao aire libre e en familia de oito horas de espectáculos, música, xogos e obradoiros e celebrarase o vindeiro sábado, día 19, baixo a temática retrofuturista do steampunk.

 

Comparte