Nova: ‘pitching I+P’: aberta a recepción de proxectos ata o 10 de outubro

14/08/2017
‘pitching I+P’: aberta a recepción de proxectos ata o 10 de outubro
O obxectivo é reunir produtores, guionistas e directores con responsables de compañías de cinema e televisión na procura de acordos de coprodución, venda ou distribución
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2017.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), apoia o Clúster Audiovisual Galego (Clag) no desenvolvemento do pitching I+P Ideas para producir, que abre ata o 10 de outubro a recepción de proxectos para a súa undécima edición.
Nesta nova entrega da iniciativa, que terá lugar en Santiago de Compostela os días 22 e 23 de novembro, mantense como obxectivo a procura de alianzas empresariais cara á coprodución, venda ou distribución de novas propostas audiovisuais galegas presentadas por produtores, directores ou guionistas.
De entre todos os proxecto recibidos, un comité de expertos seleccionará 15 para ser presentados diante de destacados axentes do sector audiovisual español, entre os que haberá responsables de produtoras, distribuidoras, oficinas de vendas e canles de televisión. A sesión de pitching complementarase coas reunións entre os responsables das propostas e os potenciais compradores convidados polo Clag.
De feito, o I+P vén contando cun auditorio consolidado de importantes canles de televisión, distribuidoras e produtoras de ámbito nacional como receptores de máis de 230 proxectos ao longo dos seus nove anos anteriores de traxectoria.
Nesta edición, como novidade, o Clúster Audiovisual Galego estableceu un acordo Filmarket Hub, segundo o que os proxectos seleccionados no pitching gozarán dun ano de inscrición gratuíta no mercado en liña desta plataforma, a través do que poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica.