Nova: Máis de 800 actividades encherán as vilas e cidades galegas de cultura este verán

30/07/2017
Máis de 800 actividades encherán as vilas e cidades galegas de cultura este verán
Cultura programa unha ampla oferta para todos os públicos que se pode consultar na Axenda de Cultura de Galicia
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa para este verán máis de 800 actividades que encherán de cultura as prazas e auditorios das vilas e cidades de toda Galicia. A programación, deslocalizada e distribuída polas catro provincias, está pensada para todos os públicos e orientada desde as actividades máis lúdicas a aqueloutras orientadas á promoción e difusión cultural e posta en valor do traballo dos artistas e creadores galegos.
A programación poderase ir consultando na Axenda de Cultura da Consellería de Cultura e Educación, no web www.cultura.gal
Ciclos e feiras do libro
O festival de música e patrimonio Espazos Sonoros, o ciclo de patrimonio e natureza Monumenta. Andar con arte, ou Cultura no Camiño –desenvolvido en colaboración con Turismo de Galicia– son algunhas das citas consolidadas que repiten este verán, ofrecendo charlas, concertos de diversos estilos, así como funcións de teatro, danza, maxia e novo circo, entre outras actividades.
Así mesmo, as Feiras do Libro de Galicia continúan o seu periplo este verán cunha extensa programación de actividades paralelas, como charlas, encontros con autores, espectáculos infantís, presentacións de libros etc. Estarán na Coruña (do 1 ao 10 de agosto), en Viveiro (do 13 ao 16 de agosto), en Foz (do 17 ao 20 de agosto) e en Monforte de Lemos (do 23 ao 26 de agosto); ao igual que as programacións que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) leva a cabo a través das redes de Música ao Vivo, de Teatros e Auditorios, de Salas ou a través do ciclo Danza 3, impulsando a celebración dun total de 63 espectáculos.
Asemade, os exitosos Cidade Imaxinaria e Atardecer no Gaiás volven ter unha cita co público na Cidade da Cultura de Galicia; e o Redecinema, un programa de verán que emprega o cine como ferramenta de dinamización lingüística, chegará a 16 concellos das catro provincias.
Museos
A rede de Museos ofertará un total de 89 actividades entre as que se inclúen exposicións temporais, actuacións musicais, espectáculos de artes escénicas, proxeccións cinematográficas, obradoiros didácticos, aperturas nocturnas, visitas teatralizadas, talleres, cursos, conferencias, presentacións de libros e mesmo concursos de fotografía. A maiores haberá diversos programas de visitas guiadas para coñecer máis e mellor as coleccións que albergan os nosos museos.
Deste xeito, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo Massó de Bueu, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra), o Museo e o castro de Viladonga, no concello de Castro de Rei (Lugo), o Parque Etnográfico do Cebreiro, o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), en Santiago de Compostela, e mais o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, serán, como adoita ocorrer cada verán, escenarios de diversas actividades dirixidas a toda a familia.
Arquivos e bibliotecas
Os arquivos e bibliotecas de Galicia tamén serán protagonistas este verán dunha ampla actividade para difundir o patrimonio documental que atesouran, promover a lectura e fomentar os hábitos culturais entre todos os seus usuario e usuarias. Serán un total 114 actividades repartidas polos catros arquivos histórico provinciais, as cinco bibliotecas públicas de titularidade estatal e xestión autonómica, ademais da Biblioteca e Arquivo de Galicia. As principais iniciativas repártense entre mostras temporais, obradoiros, actividades de formación de usuarios, mesas de idiomas, dramatizacións, contacontos, actividades de animación, espectáculos de maxia e xincanas.
A maiores, o programa de dinamización da lectura, Ler conta moito, ofrecerá desde o 21 de xuño ata o 21 de setembro un total de 81 actividades en centros da Rede de Bibliotecas de Galicia das catro provincias galegas. Obradoiros, contacontos, espectáculos musicais, sesións de maxia e propostas con teatro e danza son algunhas das actividades que chegarán durante o verán a bibliotecas e axencias de lectura dun total de 54 localidades das catro provincias galegas para espertar o interese pola lectura e para achegar a cidadanía ao espazo da biblioteca. Pode consultarse o calendario completo en http://rbgalicia.xunta.es/solicitudes-subvencion-2017/calendario.