Nova: Atardecer no Gaiás despide xullo coas actuacións de C.Tangana, Víctor Prieto e Músculo!

25/07/2017
Atardecer no Gaiás despide xullo coas actuacións de C.Tangana, Víctor Prieto e Músculo!
Este mércores, 26 de xullo, contará co concerto de C. Tangana anulado o pasado venres por indisposición do cantante
O ourensán Víctor Prieto estará o venres na praza central co seu acordeón, do que sairán todo tipo de ritmos: do jazz ao tango, a música clásica ou de raíces celtas
Os solpores musicados deste mes na Cidade da Cultura conclúen o venres coa actuación de Músculo! e a posterior actuación de Chus Silva DJ
Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2017.- A Cidade da Cultura de Galicia despide o Atardecer no Gaiás de xullo con tres novos concertos dos que gozar na praza central: C. Tangana, Víctor Prieto e Músculo!
O Atardecer no Gaiás desta semana arrancará un día antes: mañá, mércores, 26 de xullo. Será co concerto de C. Tangana, previsto para o venres pasado pero aprazado ante a indisposición do artista para actuar na praza central. Este mércores será, por fin, o momento de gozar dunha grandes figuras da música urbana nacional. Líder absoluto en Spotify e Youtube, o seu hip hop tende pontes cara a outros xéneros como o pop alternativo, a electrónica ou o reggaeton.
O xoves teremos a oportunidade de gozar co son que só Víctor Prieto lle sabe sacar ao seu acordeón. Co seu trío, este ourensán universal, licenciado en Berklee e discípulo de Yo-Yo Ma, encherá a praza central de jazz, tango, música clásica, raíces celtas... Todo un compendio de músicas e estilos que nos fará desfrutar ata caer o sol.
O remate do Atardecer no Gaiás de xullo terá lugar este venres e virá da man da banda de Valga Músculo! A partir das 21 horas, os sons electrónicos, as melodías contundentes e as bases rítmicas imparables serán as raíñas da praza central. E para prolongar a festa, e por cortesía da Cantina do Gaiás, tras actuación de Músculo terá lugar unha sesión DJ a cargo de Chus Silva.
Todas as citas de Atardecer no Gaiás comezan ás 21,00 horas na praza central da Cidade da Cultura. A entrada é libre e de balde. E o último bus para baixar do Gaiás é o C11 e ten lugar ás 22,45 horas.