Nova: Licítase de novo o proxecto museográfico na reitoral de San Martiño de Mondoñedo, en Foz

14/07/2017

Licítase de novo o proxecto museográfico na reitoral de San Martiño de Mondoñedo, en Foz

En breve comezarán as obras de adecuación das instalacións para acoller o centro de interpretación

Foz (Lugo), 14 de xullo de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licita de novo o contrato de subministración da fabricación e instalación do proxecto expositivo e museográfico para o Centro de Interpretación de San Martiño de Mondoñedo, Foz, cun orzamento de 60.433 euros.

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a licitación, logo de que hai unhas semanas se declarara deserto o primeiro concurso, convocado no mes de abril. Paralelamente, a consellería ven de adxudicar o contrato para a execución das obras de adecuación interior da casa reitoral necesarias para acoller ese museo ou centro de interpretación da basílica.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o contrato das obras nas instalacións foi adxudicado o pasado día 30 de xuño por un importe de 90.263 euros e co compromiso de reducir o prazo de execución a dous meses.

Balseiro sinalou que estes traballos inclúen reformas en acabados e carpintería así como na instalación eléctrica ou de climatización, entre outras. “As obras -asegurou- avanzarán en paralelo aos trámites de adxudicación do proxecto expositivo, de forma que non se prevén atrasos significativos na culminación do museo”.

No seu conxunto, o Goberno autonómico inviste máis de 150.000 euros nesta intervención coa que, segundo o delegado, “se recupera definitivamente o espazo da reitoral, que se converte así nun recurso fundamental para subliñar o valor monumental e histórico da basílica de San Martiño”. Balseiro lembrou que o inmoble foi restaurado pola Xunta de Galicia en varias fases, que se completaron coa urbanización do espazo.