Nova: A RFG interpretará nove bandas sonoras televisivas no concerto inaugural do Conecta Fiction

20/06/2017
A RFG interpretará nove bandas sonoras televisivas no concerto inaugural do Conecta Fiction
Dirixida por Geoffrey Styles tocará, entre outras, a de Xogo de Tronos
Trátase dunha cita organizada en colaboración co Consorcio de Santiago para recibir os máis de 350 acreditados no evento
O concerto, aberto ao público de xeito gratuíto, pon a primeira nota a este encontro internacional dedicado á coprodución de series de ficción para televisión entre Europa, Latinoamérica e Estados Unidos
Entre os profesionais que se reunirán ata o día 23 na Cidade da Cultura, atópanse representantes de 35 canles internacionais, entre elas importantes nomes coma Arte, Atresmedia, Fox, France Television, HBO, Mediaset, Movistar+, Netflix ou RTVE
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2017.- O Auditorio de Galicia de Santiago acolle hoxe ás 20,00 horas o concerto de apertura do encontro Conecta FICTION, no que a Real Filhamonía de Galicia interpretará as bandas sonoras de coñecidas series de televisión baixo a batuta de Geoffrey Styles.
Con esta actuación, aberta tamén ao público xeral de xeito gratuíto, daráselles a benvida aos 350 profesionais de 20 países acreditados neste encontro, que se desenvolverá na Cidade da Cultura e noutros espazos de Compostela ata o vindeiro día 23 como primeiro evento internacional pensado especificamente para a coprodución de series e miniseries de televisión entre Europa, Latinoamérica e os Estados Unidos de fala hispana.
Promovido pola Xunta de Galicia, ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE, baixo a produción de Inside Content, Conecta FICTION reunirá representantes de cadeas e plataformas de televisión, produtoras, distribuidoras, empresas inversoras, de servizos e asesorías xurídicas, ademais de creadores, guionistas e axentes de vendas. Entre eles, figura persoal directivo de 35 coñecidas canles televisivas, como Arte, Atresmedia, Fox, France Televisión, HBO, Mediaset, Movistar+, Netflix ou RTVE, que acoden a este foro na procura de novos proxectos de series ou miniseries para coproducir.
Para presentar este concerto, Geoffrey Styles estivo acompañado hoxe por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Belén Hernández, xerente do Consorcio da Cidade de Santiago, nun encontro informativo que tivo lugar nunha das pausas dos ensaios da orquestra.
Entrada libre
Organizado en colaboración co Consorcio da Cidade de Santiago, o concerto de hoxe pon a primeira nota deste evento profesional, recibindo a todos os participantes coa interpretación de nove bandas sonoras de coñecidas series televisivas. O público tamén poderá acceder a esta actuación da Real Filharmonía de xeito gratuíto, previa retirada dos convites no propio Auditorio de Galicia.
Unha das bandas sonoras máis destacadas, polo fenómeno de masas mundial no que se converteu a ficción, é Xogo de Tronos, con partitura de Ramin Djawadi, autor ademais da música doutra serie de culto de HBO, Westworld. O programa inclúe tamén composicións de autoría galega como El final del camino, de Manuel Riveiro; Seis hermanas, de Sergio Moure; e Vidago Palace, de Xavi Font; ademais de temas doutras coñecidas series como Isabel, El tiempo entre costuras, Allí abajo, Sé quien eres e Estocolmo.
O director que levará a batuta, Geoffrey Styles, é un experimentado profesional, particularmente no campo da ópera. O seu repertorio abarca máis de sesenta pezas que van dende Henry Purcell a Oscar Strasnoy. Na temporada 2016-2017 está a desenvolver novos proxectos para a Ópera de París e debuta coa Grand Opera Thailand de Bangkok. Foi ata 2014 director asociado da Ópera de Burdeos.
O evento está presentado polos actores Isabel Blanco e Antonio Sansano.